O Mecos afronta sen complexos o primeiro asalto á Bandera de La Concha

Pablo Penedo Vázquez
Pablo Penedo VILAGARCÍA

AROUSA

Adestrador e presidente vena coma unha proba aberta que o seu equipo pode gañar coma calquera Hondarribia, Orio e Castro son os seus rivais na primeira tanda da xornada (TVG, 12.00 horas)

06 sep 2003 . Actualizado a las 07:00 h.

Optimismo e cautela mesturábanse onte nas filas do Club de Remo Mecos na véspera da primeira regata da final da Bandeira de La Concha. Recén chegado a San Sebastián, o presidente da entidade, Juan Ramón Outeda, dixo agardar «con grande expectación» a tanda na que a traíña dos seus amores se xoga esta mañá (12.00 horas) boa parte das súas opcións de conquistar un título que ningún club galego loce ata o de agora nas súas vitrinas, o da «olimpiada» do remo español. Outeda sabe que «a maioría do pobo do Grove está vivindo con grande entusiasmo esta proba, coma nós. A xente está moi ilusionada. Agardo que fagamos un gran papel». Os gañadores das tres últimas edicións disputadas, Orio e Castro Urdiales, xunto con Hondarribia son as compañeiras de viaxe nesta primeira regata da final, que se completará en sete días cunha segunda proba, no mesmo escenario da praia de La Concha. As tres deben servir de lanzadeiras de cara a asinar o mellor tempo das oito competidoras, superando ó gañador da segunda tanda do día de hoxe, composta polo Urkirolak, Pasai Donibane, Cabo e o gran favorito, o Astillero. Tanto Outeda como o adestrador da Mequiña, Fran González, coinciden en recoñecer o papel privilexiado que a embarcación cántabra ten nestes intres nas porras donostiarras. Mais os dous se amosaban onte igualmente de acordo en apuntar que «esta é unha bandeira especial, na que pode pasar de todo e calquera pode levarse o triunfo. ¿E por que non imos ser nós os gañadores?». Así, sen complexos, Fran González considera indiferente a composición das tandas, por outro lado, bastante equilibradas, ou o factor campo, en mar aberto, ó que os mecos xa comezan a se familiarizar gracias á Liga ACT. Desbotados estes condicionantes, o adestrador pronostica a victoria para «aquel que saiba aproveitar mellor as súas oportunidades no mar». Para os que non teñan a sorte de poder estar hoxe en San Sebastián, a TVG ten previsto ofrecer en directo a regata a partir das 12.00 horas.