A lingua é política

X.A.OCHOA

AROUSA

VENTO DA TRAVESÍA | O |

06 sep 2003 . Actualizado a las 07:00 h.

UNHA vella discusión: hai quen defende que a construcción dunha lingua é un fenómeno natural e hai quen mantén que é artificial. Un inclínase porque é unha creación humana e, ademais, parte capital da definición política dun pobo. Nós, por poñer, falamos galego pola nosa historia política. O noso idioma é fundamentalmente románico anque os estudiosos topan nel palabras prerromanas que recordan as linguas faladas antes da latinización neste Noroeste. A conquista deste territorio polos romanos impuxo sobre ese substrato lingüístico o latín. Que a civilización romana trouxera o seu idioma non é fenómeno natural, é político. Por riba desa mestura asomárense os árabes e viñeren os suevos que legaren de seu, xa sen impor o idioma propio. Esa lingua estendíase polo territorio da antiga Gallaecia que chegaba ata o Douro e que no século XII sufriu unha división política coa independencia do condado portugués. A partir de aquí a lingua común dos xograres evolucionou de diferente xeito: do Miño para o Sur, co centro en Lisboa que foi normativizando soberanamente a fala de todo Portugal; e do Miño para o Norte con, e sen, centro en Santiago, sometida á fortísima presión do castelán. Por eso a lingua galega -coma tamén o resto das linguas- é o resultado dun proceso político. Se a independencia portuguesa levara o territorio de Tui para ó Norte, hoxe falariamos portugués ou o portugués chamaríase galego. Dende a aparición do Estado autonómico en 1978 a evolución lóxica debería ir cara a consolidación da nosa lingua. Sen embargo, cada vez menos xente fala galego fóra do ritual -¿será débil e superficial a Autonomía?- e, por iso, a responsabilidade política é infinita e imperdoable, porque implica desnaturar a propia existencia de Galicia.