AREOSO | O |
04 sep 2003 . Actualizado a las 07:00 h.DI o dito que falando enténdese a xente e parece que desta volta, entre o conselleiro de Pesca López Veiga e os patróns maiores, a fórmula empezou a funcionar. Da reunión que tiveron o mércores saíron todas as partes máis satisfeitas do que entraran, o cal é un paso adiante nas deterioradas relacións entre a institución e os pósitos. Nos últimos tempos pasaron moitas cousas, e non estou pensando só no Prestige, que xa sería dabondo. O conselleiro aplicou o ordeo e mando en moitas ocasións e o sector non llo perdoa. O decreto de confrarías non contentou a case ninguén, e aí está, en vigor. E axente do mar non está disposta a que volva pasar o mesmo co levado e traído plan de baixura, ata o punto de levantarse contra López Veiga e o mismísimo Fraga. O señor conselleiro ten que baixar do pedestal e falar co sector, pero as confrarías tamén teñen que querer chegar a algún tipo de entendemento, e non todo o mundo está pola labor. Na Federación Provincial de Pontevedra empezan a estar fartos de tanta polémica e estase impoñendo a idea de que é mellor acadar acordos, aínda que non sexan os mellores, que afondar nunha guerra aberta coa consellería na que teñen moito que perder -ó PP aínda lle queda ano e medio de goberno na Xunta-. Seguro que López Veiga houbera preferido non ter que baixar a orella ante quenes hai uns días pedían a súa demisión nin ós patróns maiores lles apeteza ter que tragar con moitas cousas que van ter que asumir. Pero o que máis nos gusta non sempre é o mellor. As veces hai que facer máis caso ó cerebro que ó que nos dicta ó corazón, máxime cando se ocupan cargos de representación e se está a xogar co pan de moita xente.