Don Ramón Álvarez Baliña

X. A. OCHOA

AROUSA

VENTO DA TRAVESÍA | O |

23 ago 2003 . Actualizado a las 07:00 h.

NESTES TEMPOS hai quen di que ter un cura é ter un tesouro. Se cadra será certo, anque, por haber, haberá de todo. Resulta que ata fin de mes San Vicente de O Grove terá cura e o 31 mesmo deixará de telo porque don Ramón vaise cara a Vimianzo, máis cerca da súa natal Muxía. Pódese ser nada, máis ou menos crente pero sigue sendo certo que nas parroquias o cura, un observador privilexiado, irá sempre asociado a momentos importantes da vida e terá a vantaxe de coñecer a cadaquén, para o bo e para o malo. Igrexa e sociedade Os ritos católicos están confundidos coa vida social e, por eso, aí permanece a presencia do párroco. No noso caso don Ramón transcendeu a figura relixiosa para volverse un veciño máis. E eso é importante tamén porque significa que se marcha polo traballo pero regresará frecuentemente a este San Vicente que nós queremos que sexa a súa aldea. Un home bo Non sei moi ben qué pedirá a Igrexa que faga un cura, pero seguro que se hai Deus só esixirá que sexa un home bo. E don Ramón é un home bo. Porque ser bo é mesturarse coa xente, falar na súa linguaxe e ser humano. E dende 1981, aquí estivo don Ramón facendo todo eso con larganza, coma un máis, sen pretenciosidade ningunha, compartindo festas e tristuras; nunca se lle oíu unha palabra máis alta ca outra nin unha crítica persoal: os valores do perdón e da comprensión cristiáns lévaos demasiado fondos. Pero sobre todo don Ramón, sendo firme na defensa da súa Fe, tivo un comportamento humano e axudou, caladamente, a quen e como tiña que axudar. Vaise, silandeiro, don Ramón Álvarez Baliña, perdemos ó cura; non hai problema: manteremos a Ramón coma o veciño mellor.