Pobre Descartes

AROUSA

AREOSO | O |

14 ago 2003 . Actualizado a las 07:00 h.

SE DESCARTES levantase a cabeza volvería a baixala de inmediato. A dúbida está proscrita nestes tempos. E hai quen quere poñer por escrito esa prohibición do pensamento que se alonxa do camiño marcado. A Consellería de Pesca ven de facer público o borrador dun documento que entregará a confrarías e sindicatos no mes de setembro. O obxectivo dese documento é garantir a conservación dos recursos. E para conseguilo plantéxanse diversas actuacións. Algunhas realmente sorprendentes, como aquela que dí que «non se cuestionarán os datos estatísticos do Sistema de Información Pesqueira». Ou como outra que indica que «non se cuestionarán os traballos dos científicos máis que dende a base doutros traballos científicos». A experiencia directa non ten valor. O sector e a sociedade non teñen dereito a dubidar. Ó final, van ter razón as confrarías cando aseguran que o que lles pide a Xunta é que convirtan a planificación da pesca de baixura nun acto de fe. Nun seguimento cego de calquer decisión adoptada segundo criterios técnicos revestidos da condición de palabra de Deus. Palabra de Deus tamén era a da Administración cando aseguraba que non había marea negra. E que o fuel non chegaría ás Rías Baixas. Pero daquela, resultou que Deus estaba durmido.