TRIBUNA PÚBLICA | O |
26 jul 2003 . Actualizado a las 07:00 h.AS RÍAS galegas, o seu litoral e as Illas Atlánticas, son unha das zonas productivas máis ricas do mundo. E nesta realidade estamos todos de acordo. Mais, que esta realidade e as súas grandes posibilidades non abriran o paso a unha actividade pesqueira e marisqueira de futuro, lévanos a pensar que se trata dun dos misterios máis profundos do noso País Galego. Pero isto é a verdade que non deberíamos esquencer, que temos unha zona privilexiada e que non somos quen de aplicar métodos modernos e plans de explotación que desenvolvan esas grandes posibilidades a prol dos mariñeiros e dos recursos mariños. ¿De quen é a responsabilidade deste atraso histórico, tan perxudicial para todos os mariñeiros galegos? Dende a Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos apresúranse, unha e outra vez, en cargar todas as culpas nas costas dos mariñeiros e as súas confrarías, tratando de ocultar a realidade; obvio tamén, de que quen ten os medios financieiros, técnicos, políticos, legais e de control e inspección (os medios fundamentais), é a propia Consellería. Botar as culpas Esta táctica de tratar de botar as culpas ós propios perxudicados estase a practicar de xeito abusivo, ás veces utilizando calificativos excesivamente grosos, e tomando medidas de puro intervencionismo político que máis tarde os tribunais de xustiza denegan e invalidan. Os mariñeiros eramos depredadores antes do sinistro do Prestige . Logo, e durante pouco tempo, fomos os heroes, e agora volvemos ser os malos da película. ¿E que dicimos os propios mariñeiros ó respecto? Que nin tanto nin tan pouco, e que temos demostrado con feitos, non só con declaracións, que defendemos os nosos recursos e as nosas rías. E, sobor de todo, dicimos que cómpre, elaborar un plan de futuro para a pesca de baixura artesanal e para os nosos pescadores. E dicimos tamén que ese plan é posible, necesario, e canto antes comencemos a traballar nesa liña -como se escomezou a facer co plan de pesca do polbo, como se fixo durante uns anos co marisqueo a pé, etc.-, moito mellor para todos. E sabemos, pois non somos nenos nin ignorantes, que ese plan de futuro é un traballo complexo, pois a ordenación das pesquerías litorais e o ecosistema mariño o é, tal e como din os diversos organismos nacionais e internacionais, e ten que comprender todos os aspectos importantes inplicados no problema; o coñecemento de certo dos stocks, o control da contaminación mariña, a aplicación de medidas modernas de recuperación... Non ás medidas simples Non podemos avanzar con medidas simples que únicamente cargan contra os días de traballo dos mariñeiros e que se pretenden basear en estatísticas, das que o mínimo que podemos dicir é que non reflexan en absoluto a evolución real das capturas. Desgraciadamente, o caso da veda da nécora é so a punta do iceberg, e non podemos seguir así. O problema da baixura galega non é cousa de grandes frases contra os mariñeiros e as súas confrarías, e o señor López Veiga debería recoñecer o seu fracaso e, se non é capaz de abrir unha vía distinta que permita avanzar de verdade ós mariñeiros e mariscadores, debería dimitir e deixar paso a outra persona que escoite ó sector e que se poña a traballar, con empeño, polo futuro da pesca de baixura de Galicia. Sinceramente, non cremos que exista outro futuro para os mariñeiros e mariscadores/as galegos/as que a riqueza productiva das rías e as técnicas modernas que a favorecen en gran medida. E o que hai que facer é traballar e dialogar con seriedade por ese futuro. Neso estamos.