VENTO DA TRAVESÍA | O |
26 jul 2003 . Actualizado a las 07:00 h.AS IDEOLOXÍAS políticas teñen sempre unha ou varias, chamémoslle así, ideas-forza. O sistema económico é socorrido: liberalismo versus control do Estado; que si iniciativa privada ou pública; a forza do social tamén é definitiva para inclinarse cara á esquerda ou cara á dereita. Ben é certo que o paso do tempo fai que non haxa compartimentos estancos e os dun lado teñen a habilidade de aproveitarse do bo do outro. Pero, por moito que se mesturen, quedan principios irrenunciables, intocables. Para os nacionalistas galegos débese poder discutir dende o sistema económico ata o territorio de Galicia, e, se me apuran, tamén, porque non é esencial, a relación co Estado. Pero baixo ningún concepto, de ningún xeito, nin en ningunha circunstancia, se pode pór en cuestión a defensa do idioma galego, que é o núcleo, a esencia do ser galego: transcende ás persoas, ás relacións políticas e a calquera concepto negociable. Ademais, xa se tiña acadado que hoxe fose un valor compartido por tódolos espectros políticos: o Estatuto, as Leis de Normalización Lingüística e da Administración Local son claros e imperativos. Por eso me resultan tan difíciles de entender algúns pactos políticos que non teñen como substrato común e indiscutible a defensa do idioma. Chíanme os oídos cando escoito falar a Alcaldes de vilas galegas en castelán de xeito habitual; eso si, con acento e estructura do idioma galego, coma mal autotraducidos, coma inauténticos. Pódense entender tódolos pactos lexítimos, pero non é fácil racionalizar o amparo a quen de facto mina o galego porque eso é unha traizón.