AREOSO | O |
23 jun 2003 . Actualizado a las 07:00 h.MOITAS VECES, os cambios importantes empézanse a notar por un cambio moito menor: o das formas. Na comunidade de montes de San Vicente, a nova directiva presidida por Manuel Ochoa parece disposta a cambiar, no sustancial, o funcionamento dese organismo, enzarzado hata hai pouco en mil batallas. Democracia e transparencia eran as dúas consignas do novo «goberno» veciñal cando o novo equipo se fixo coas rendas da comunidade. E, de momento, non hai ningún elemento que faga pensar en que o seu discurso ten cambiado. No Grove, as comunidades de montes actuaron en moitas ocasións como un goberno paralelo e alternativo e oposto ó municipal. A de San Vicente é unha organización poderosa, e durante moito tempo foi un azote permanente para o alcalde de turno. Agora as cousas parecen ter cambiado. Impúxose a liña da cooperación e da cordialidade. E esa liña, normalmente, adoita ser beneficiosa para comuneiros, concellos e, en xeral, veciños. Ogallá a boa sintonía co Concello continúe por moito tempo. E ogallá os proxectos que ten a comunidade de montes poidan sair adiante. Porque outro dos elementos que deben calificar unha xestión, sexa dun concello, dunha confraría, ou dunha comunidade de montes, é a capacidade de xenerar ideas e proxectos que fagan desas institucións elementos vivos. Agora queda por saber que vai pasar coa outra comunidade de montes que existe na península, a de San Martiño. Un colectivo que naceu do esforzo dalgunha xente a que en moitas ocasións, se perde pola cousa das formas. Ó ser humano cóstalle traballo aprender que a confrontación gratuíta non da resultado.