«La cucaracha» ou o silencio

AROUSA

AREOSO | O |

10 jun 2003 . Actualizado a las 07:00 h.

NUNHA BIBLIOTECA presuponse o silencio, como no cine. Presuponse tamén que haberá algún insolidario adicto á telefonía móbil que romperá a paz da sala de lectura. E, no caso de Vilagarcía, hai que presupoñer tamén o sonido ambiente procedente do salón de actos situado debaixo do supostamente silencioso templo dos libros. Un sonido variado -voces de traballadores que claman por unha folga, voces de conferenciantes, e mesmo os ruidos propios dos preparativos para unha estrea teatral- xurde do chan e percorre, coma unha pantasma, a sala de lectura. Imparable. Incontrolable. Mesmo, insufrible. Así que xa o saben. Se vostede quere un pouco de paz para ler ou estudiar, evite a biblioteca pública de Vilagarcía polas tardes. Do contrario, a historia da cucaracha que no puede caminar pode entrar na súa vida desde unhas estructuras tan mal insonorizadas como eses locais que poñen en pé de guerra ós veciños. É unha mágoa que o Concello non se decida a tapar os buracos polos que se escapa o son do salón de actos. É unha pena, porque a biblioteca, cando está en silencio, non é está nada mal.