Acto de contricción

X. A. OCHOA

AROUSA

VENTO DA TRAVESÍA | O |

31 may 2003 . Actualizado a las 07:00 h.

Cando de neno acudía á catequese, naquela sociedade tan formalmente católica, co cura, Don Ovidio, xenudo el, todos sabiamos o que era un acto de contrición. Pasabámola vida a arrepentirmos de algo, por non dicir de todo; era coma se fora un acto de contrición permanente: tratábase de que comparasemos as leis católicas coa conducta dun por ver se tiñamos violado algunha desas regras. Sempre saía que si; ou por haches ou por bes quedabamos amolados e por un lado ou polo outro alguén había de lembrar o lume do castigo representado nunha talla de ánimas que aínda queda na miña igrexa. O que máis e o que menos miraba cara aquel lume, tan ben pintadiño, e cara aquela xentiña a retorcerse na fogueira do purgatorio, con expresión angustiada, e púñase en disposición de facer cantos actos de contrición foran precisos. Eu tíñalle moitísimo medo a aquel lume. Tamén era certo que en canto o cura nos perdoaba, volviamos a ter, de seguido, causas para facer moitos actos de contrición. Pois resulta que despois das eleccións, con esta nosa mentalidade católica, seguramente é o intre de facer acto de contrición: ¿Votamos o que tiñamos que votar? ¿Estamos arrepentidos?. Porque tamén cabe unha contrición pública, que viría a definirse algo así coma dor profunda da alma colectiva, e detestación do mal feito, co firme propósito de non volver a caer no mesmo erro e que se nos perdoe. Anque se pode pensar que se non temos remorsos será porque esta nosa votación foi para perdoar o mal feito porque vimos ós culpables arrepentidos. En ámbolos casos, ¡qué boíños somos! exto