Festa

X.M. OCHOA

AROUSA

VENTA DO TRAVESÍA | O |

24 may 2003 . Actualizado a las 07:00 h.

PARA os que temos memoria do anterior réxime político hoxe é festa e das grandes. Entre todos, podemos decidir a quen vamos a pór ó fronte das nosas vilas. Entrada a noite, uns políticos sentiranse apoiados e outros menos. Pero mañá non poderá haber nin vencedores, nin vencidos porque, simplemente, temos elixidos ós nosos mandados, ós que teñen que mirar polo colectivo e servir. E mañá mesmo, sen tregua, empezaremos a esixir, porque o tempo é pouco para tanto traballo por facer e hai que ter algo moi claro, tanto os cidadáns anónimos coma os elixidos gobernantes: nin legalmente, nin de ningún outro xeito, resultará admisible que se diga Fulaniño de Tal, Alcalde do BNG, ou Menganiño, Alcalde do PP; non: o Alcalde será de Vilagarcía, de Cambados ou de O Grove. E será Alcalde de todos e cada un dos veciños. Simplemente cidadáns No intre de exercelas facultades do poder non haberá administrados do PSOE, ou dos Independentes; nin nosos, nin deles: Haberá, simplemente, cidadáns, anque teñan color político, con dereitos. Por eso a peor adulteración da democracia é moi sibilina: o favor. Non se pode volver ó réxime anterior, cando o goberno se exercía no nome dun sector da sociedade e os nomeamentos eran impostos para servir ó grupo dominante. Agora o poder exércese en representación do pobo soberano e o elixido non ten máis vínculo ca ese pobo de seu e aí está por qué non se poderán facer favores, nin distinguir ós nosos dos outros. Non se pedirán favores, exerceranse dereitos. Os que ata hoxe gobernaren co criterio do favor atentaren contra a esencia da democracia. Por eso estamos de festa: Seguro, segurísimo, que de agora en diante non haberá máis favores. Seguro, seguro, seguro