No BNG dan por feito que despois do domingo haberá pacto da esquerda e que o «Prestige» acabará de fundir a un goberno do PP, que «o único que fixo son beirarrúas»
19 may 2003 . Actualizado a las 07:00 h.É a primeira vez que se presenta para alcalde e faino convencido de que, desta volta, o BNG chegará por fin ó goberno do Grove. -Podería converterse no alcalde máis novo do Grove, co permiso de Mourelos. -Antes da democracia houbo algún alcalde máis xoven, e o de Mourelos foi distinto. Pero si. O da mocidade é significativo en canto a ilusión e gañas de cambiar as cousas. E ten outra parte positiva. Son consciente de que non estou no uso da razón e me sinto na obriga moral e ética de consensuar e dialogar. Creo que os demais candidatos non teñen esa característica. -Veremos que pasa o 25 pero ¿donde quere chegar en política, ó Parlamento quizais? -O único que pretendo é seguir traballando en beneficio do meu país. O meu compromiso é coa cidadanía galega. Hoxe tocoume ser candidato e mañá pode tocarme unha responsabilidade na política organizativa. -Atrévase cunha quiniela electoral para o domingo. -O BNG, se non é a forza máis votada, será a segunda, moi igualada co PP. Vai haber un volco e vaise recoñecer o noso traballo non só no ámbito local senón tamén no ámbito galego. No Prestige foi donde se notou a capacidade do BNG para xestionar. -¿Haberá pacto? -Por suposto. Os grupos da oposición estamos obrigados a sentarnos a falar. Sempre mantivemos que as forzas do ámbito da esquerda máis votadas van ter o apoio do BNG, pero non vai ser o caso porque o BNG vai ser a forza máis votada. Esperemos que os demais respondan. -Chove sobre mollado. Xa hai maioría da esquerda e goberna o PP ¿será o «Prestige» o revulsivo necesario? -A situación non é a mesma. Hai catro anos a esquerda tiña maioría, entre comiñas. Agora ten que haber un cambio á hora de actuar. Non podemos estar coas historias de hai catro anos cando alguén dicía 'a min me votan para ser alcalde'. Hai que respetar o que decida a maioría. O Prestige, as normas subsidiarias... todo o que aconteceu nestes catro anos, que foi por excelencia o peor goberno que tivo O Grove, creo que asentounos a todos a cabeza como para saber que hai que chegar a un acordo de mínimos. E iso vai ser moi viable. -Poucas veces a política de Madrid condicionou tanto uns comicios municipais ¿non? -Hai que ser conscientes de que O Grove non é o embigo do mundo e o que pase fóra tamén é de interese. No do Prestige houbo unha xestión do goberno nefasta que foi suplida pola oposición e os sectores sociais. O alcalde doulle a espalda ós veciños, por ser sumiso a Madrid. E a guerra, claro que inflúe. Este alcalde foi ambiguo á hora de condenar este xenocidio. -O «Prestige», o de Iraq, son bazas que a oposición está a empregar na campaña pero ¿como van contrarrestar as obras do PP? -Primeiro. Hai obras que foron chapuzas, e hoxe estamos pagando as consecuencias. Aí están as denuncias de Medio Ambiente, aí están as inundacións. Despilfarráronse moitos cartos. O PP só fixo beirarrúas, única e exclusivamente. O BNG propuxo que debaixo colocaran servicios fundamentais: saneamento, auga, gas natural, cableado, etcétera. Pero foron eles os que dixeron que non. E en Ardia raro é o veciño que non ten problemas coa obra. A prioridade que é articular o Concello, comunicar O Bao co centro, e coa zona industrial, a desconxestión do tráfico, aparcadoiros... iso non se fixo. Non hai nada do que poidan estar orgullosos. -Falemos do BNG. ¿Sabe que no Grove dise que é a lista dos señoritos? - (Besada non agacha a súa sorpresa). Non oín nada diso. É un rumor intencionado que vos chegou ós xornalistas. -Da renovación si falan. -O BNG abriuse máis que nunca. Hai renovación que combina mocidade con experiencia. Non hai grandes fichaxes estrelas, hai xente disposta a traballar. Podemos presumir de xente responsable e, sen dúbida, do mellor equipo. Outros non estiveron á altura. ¡Se estes catro anos o Concello gobernouno Fontán! -¿O pecado capital do PP? - Non facer caso das nosas demandas sobre a proliferación de obras ilegais, ata que houbo un decreto que paralizou as normas, por certo inxusto e que defendeu o alcalde. Urbanismo e Prestige foros os acontecementos máis graves. -Non sei se preguntarlle polas virtudes. - (...) Risas.