«Vexo máis doado que Gago pacte con Rivera que con nós»

Serxio González Souto
Serxio González VILAGARCÍA

AROUSA

Con só 24 anos, Fajardo asumía en 1999 a cabeza de lista de EU. Hoxe, superada xa a escisión de Geluco, un candidato máis maduro está convencido de obter representación

06 may 2003 . Actualizado a las 07:00 h.

?sta campaña é distinta. O escenario global, marcado por guerras e mareas negras, parece imprimir unha nova politización á sociedade, e abrir portas a opcións como a de Esquerda Unida. «Non só se decide o nome dos alcaldes, senón todo un xeito de facer política, é precisa unha rexeneración democrática e a presencia dunha formación como EU» anota o candidato da coalición en Vilagarcía. ­-Non obstante, precisan alomenos mil votos para obter representación... -Si, é unha suba importante con respecto a 1999, pero hai que ter en conta que os catrocentos e pico votos de entón non son a nosa base real. Hai catro anos houbo unha escisión traumática, unha desmobilización enorme, moita xente quedou na casa. Agora iso está superado. Nós movémonos arredor dos 700 votos, que foi o que obtivemos en 1995. Ese é o noso punto de partida e, sinceiramente, estou convencido de que imos entrar na corporación. -Daquela eran os depósitos, agora a guerra de Irak e o «Prestige»... -Si, entón falouse dos riscos económicos e medioambientais do parque de Ferrazo, pero a xente non o vía, era difícil transmitilo e se vendeu a idea de que loitabamos contra o progreso. Agora, os cidadáns xa saben o que pode pasar. Nós temos unha traxectoria coherente neste senso. Estivemos contra a primeira Guerra do Golfo, contra a intervención en Kosovo. Non somos como outras forzas, como o PSOE, que cambian en función de onde se atope a opinión pública en cada momento. -É moi crítico co PSOE, un teórico aliado na esquerda. -Home, é certo que a dereita social en Vilagarcía atópase moi cómoda con Gago, sempre dixen que sería o perfecto sucesor de Paco Vázquez. Pero erra quen pensa que o noso obxectivo é derrubalo a el, o noso obxectivo e rematar con esa política de dereitas, de empregar inversións públicas para que se beneficien empresas privadas, como sucede no párking do Cavadelo, que debería ser público ou simbólico. -¿Sería posible un pacto no caso de ser necesario? -Se falamos sobre o programa, se se aposta por constituir unha constructora municipal para crear vivenda para os xoves, se queremos recuperar servicios públicos, entón sempre estaremos dispostos a negociar. Pero non o vexo nada fácil. Non pola nosa banda, senón pola do PSOE. Sinceiramente, vexo máis doado que Gago pacte con Rivera que con nós.