Muiñadas nos muíños

X. A. OCHOA

AROUSA

VENTO DA TRAVESÍA | O |

26 abr 2003 . Actualizado a las 07:00 h.

¡Qué fermosas son as coplas de muíños! Anque en case tódolos concellos do Salnés hai posibilidades de facer iniciativas parecidas, foren por aquí, fai uns días, Ribadumia e, antes, Barro os que recuperaren os muíños de auga dun xeito conxunto e digno de gabanza. O meu home foi de troula e veu cheo de fariña, el muiñeiro non é, eu non sei a quen se arrima. Os muíños de auga tiveron unha fonda presencia na vida cotiá da xente durante séculos; eran foros de transmisión de coñecementos, cantigas, lendas; lugares de reunión, de liberdade; focos de picaresca. Sexan benvidos ese entusiasmo na recuperación, ese axudar a non esquecer o que fomos e benvido sexa adaptar a historia á actualidade. Non quero ser muiñeiro nin varrer no tremiñado, porque din que no outro mundo piden contas do roubado . Resulta curioso, para os que vamos tendo memoria, ver os valores, defendidos inicialmente polos nacionalistas, asumidos por todos, e como, se está a recuperar o orgullo da propia identidade. Anque, claro, como eu son tan acedo, déixenme anotar que se se fixese caso das ideas cando se propoñen, teriamos tempo e vida ganados; con eso non quero dicir que a historia ou a cultura sexan patrimonio de ninguén pero haberá quen estea a matinar que onde imos por este camiño tan pouco globalizadeiro. Que non se preocupe, xa está dito na copla: Meu home foi ó muíño, a muiñeira ten a sarna; moerían de mestura cando o meu home se raña.