O prezo da seguridade

AROUSA

AREOSO | O |

23 abr 2003 . Actualizado a las 07:00 h.

DESGRACIDAMENTE , todos coñecemos a demasiada xente que traballa en precario. A escasez de euros nas nóminas e a abundancia de contratos basura son dous males moi de moda nestes tempos. Tan de moda, que desa lacra non se salva nin un servicio tan importante como o das urxencias. Igual vostede non se cree que a súa vida poida depender, en calquera momento, dunha persona que ten un contrato eventual. A verdade, resulta difícil de tragar, pero o certo é que o 90% da plantilla dos Grupos de Intervención Rápida da comarca traballa cuberto por «contratos de formación» de seis meses. E despois, á rúa. Á hora de buscar culpables, os ollos vólvense cara a administración toda. Cara as administracións locais que non se deciden a afrontar un servicio fundamental. Da Mancomunidade por solucionar cunha chapuza laboral un problema que legalmente tampouco parece ser cousa súa. Da Xunta por non artellar, dunha vez por todas, un servicio serio que poida atender con eficacia calquera situación de perigo que se produza en calquera punto do territorio galego. O tema das emerxencias recorda, e recorda moito, o que pasou coa crise do Prestige . Uns esperan polos outros e a casa queda sen barrer e chea de chapapote. Vai sendo hora de coller as emerxencias polos cornos. De que os políticos se senten e articulen o futuro dun servicio que pasa desapercibidio ata que fai falta. Non sei vostedes, pero se eu me atopase nunha situación de perigo preferiría que o meu futuro dependese dun profesional e non dunha persona que traballa demasiadas horas por un salario raquítico e coa sombra do despido sobre a cabeza.