As ánimas das víctimas do fuel

La Voz

AROUSA

Manolo Chazo expón as súas últimas creacións na galería Borrón 4; trátese dun conxunto escultórico que quere rendir homenaxe ás víctimas do «Prestige»

22 abr 2003 . Actualizado a las 07:00 h.

O autor da Porta da luz salgada volta cunha nova proposta artística sen abandonar as súas maneiras de facer escultura para reproducir, esta vez en madeira de buxo, eses mundos que lle rondan pola cabeza. Se é habitual que Chazo se inspire nunha natureza abstracta e lúdica, esta vez a cruda realidade dos últimos meses impúxose de xeito rotundo, pero o artista evitou caer no catastrofismo e non disimula a súa ollada irónica sobre un fenómeno que convulsionou a ría. Así naceu a serie de petos de ánimas que se expón na galería cambadesa. Son nove obras que levan nomes adicados ó Prestige , en honor de vírxenes tan pouco loubadas como Nosa Señora dos Hilillos, Nosa Señora das Irisacións, Nosa Señora dos Esplendorosos ou, en referencia a ese político que fixo un revival da gomiña de Travolta, Nosa Señora da Laca. Na serie tamén están, como non, Nosa Señora dos Capachos ou Nosa Señora das Galletas. Toda unha colección haxiográfica á que hai que dar limosna máis ben para que nunca máis nos deshonre coa súa presencia. Os petos de ánimas están feitos todos eles en madeira de castaño e de buxo. Chazo aparte, moitos foron os artistas que nos últimos meses plasmaron nas súas obras, pintura ou escultura, a grande traxedia das rías galegas. Algúns tan próximos a Chazo como Francisco Leiro, que presentou hai pouco unha mostra na que o Prestige tamén está presente, inevitablemente. Pero houbo vida máis alá do Prestige , e Chazo tamén quedou impresionado nos últimos meses por uns cruceiros que viu en Vilaboa e que deron lugar a outra serie, a dos cruceiros da buxeira, unha colección que, lóxicamente, ten como materia prima a madeira de buxo que se moldea para crear estes outros monumentos con tanta tradición nos cruces de camiños galegos. Para rematar o percorrido pola mostra de Chazo na galería cambadesa, a exposición inclúe unha peza abstracta de maior tamaño que leva por título Pimpina e Pichón. Os seguidores do artista vilagarcián teñen ata o 7 de maio para visitar Borrón 4 e sumerxirse no peculiar mundo do artista. Algúns xa pasaron pola sala, como é o caso de Ciro López que o fixo na compaña da súa filla Loairas. Os demais xa o saben, non está de máis, nun momento de ocio, darse unha volta por Cambados para coñecer a nova proposta deste artista que sempre sorprende coa súa visión dun mundo particular que se moldea ata facerse arte.