No colexio Valle-Inclán o balón está prohibido dous días á semana. Pero os rapaces non notan a súa ausencia. Con trompos, canicas ou coa comba tamén se entreteñen
13 feb 2003 . Actualizado a las 06:00 h.? patio do colexio Valle Inclán é moi particular. Os martes e os xoves, o recinto educativo é un espacio libre de balóns e de pelotas. Os responsables do centro decidiron prohibir eses xoguetes por dúas razóns. A primeira, para forzar ós 275 estudiantes a botarlle imaxinación á vida e rescatalos do dúo monotemático que constitúen o fútbol e as videoconsolas. A segunda, para evitar as pelexas dos pequenos por conseguir ocupar as mellores pistas para botar os seus partidos. A iniciativa dos mestres do Valle Inclán pode parecer drástica. Pero ten demostrado que os nenos seguen tendo recursos de sobra para divertirse. Entre eles, os xogos tradicionais, que no Grove seguen a ser tamén xogos vivos. O trompo, as canicas, a liga ou a comba teñen ocupado o lugar dos balóns sen que ninguén bote en falta ó esférico entretenemento. Capacidade de adaptación A capacidade de adaptación dos nenos ven dada, en boa medida, polas actividades educativas que se teñen desenvolvido no centro nestes últimos anos. Nas clases de ximnasia, por exemplo, sempre hai un espacio adicado a realizar xogos tradicionais. O ano pasado, os rapaces participaron nunha semana enteira de actividades artelladas arredor das formas nas que os seus pais e avós pasaban o tempo libre. Todo o aprendido dende aquela estalles sendo recordado, estes días, coa exposición sobre xogos populares que ata os pasillos do colexio ten levado La Voz de Galicia. Con todos eses mimbres, os rapaces teñen elaborado a súa propia lista de xogos para a hora do recreo. Elixen un ou outro sen máis criterio que «as modas». Así o afirmaban onte, na súa sala de reunións, os mestres do centro. «Hai momentos nos que todos xogan ó trompo, e outros nos que o que máis lles interesa son as canicas».As cousas teñen cambiado desde que os avós destes nenos saían a xogar á rúa e mataban o seu tempo con xogos que agora os mestres se empeñan en manter vivos. Por exemplo, cada día son menos os rapaces que fan distincións entre os entretenementos para nenos e para nenas. «Leva traballo», din os profesores. «Pero a forza de insistir vense os resultados», remata o profesor de ximnasia. O segredo do éxito radica en «non darlle importancia a esas supostas diferencias, e sobre todo darlles exemplo». Por eso, Ramón López é o primeiro que se pon a saltar á comba cos seus alumnos. E parece que, a estas alturas, o exemplo ten cundido ata entre os nenos máis reacios.