O departamento de Ciencias Sociais do instituto da Illa organiza durante as próximas semanas, coa colaboración de Caixanova, unhas xornadas sobre os pobos atlánticos. Os actos comezarán este luns con un concerto de música folk a cargo do grupo Lugnasad. Será no Igafa entre as 12.50 e as 14.30 horas. Despois deste acto preliminar, será o martes cando empecen propiamente as xornadas. O ciclo será inaugurado polo alcalde, Manuel Vázquez, ás doce do mediodía. Depois abriránse dúas mostras organizadas no centro. A primeira, localizada no corredor da planta baixa, ten como temática a xeografía e a cultura dos pobos atlánticos. A segunda, que se ubicará no primeiro piso, consistirá nun percorrido polo mundo castrexo dende a súa orixe á romanización. A conferencia desta xornada será impartida por Felipe Arias Vilas, director do Museo do castro de Viladonga, quen disertará sobre a prehistoria de Galicia.O mércores será Francisco Calo, profesor de historia no IES Torrente Ballester de Pontevedra, quen falará sobre o celtismo, mito ou realidade. O ciclo continuará con unha mostra e unha charla sobre instrumentos tradicionais de Galicia a cargo de José Pumar. O 29 de xaneiro organizaráse unha excursión ó monte da Curota e unha visita ó dolmen de Axeitos e ó castro de Baroña. Os alumnos irán acompañados polo profesor Francisco Calo, director das excavacións que se realizan neste entorno. Ademais destas actividades puntuais, durante os recreos organizaránse audicións de música tradicional bretona, asturiana, portuguesa, irlandesa, galesa, escocesa e galega. ademais, proxeccións de vídeos sobre estes pobos. Tamén se traballará nas clases sobre as súas linguas, as culturas e as lendas e tradicións destes países que comparten a súa mirada cara ó Atlántico.