Oito anos de traballo municipal encaramaron a Antonio Otero á presidencia da nova directiva conservadora e á responsabilidade de levar ó partido ata as municipais
04 nov 2002 . Actualizado a las 06:00 h.Despois de oito anos no partido, Antonio Otero Molanes alzouse coa presidencia da nova xestora do PP da Illa. Ábrese así unha nova etapa na que a formación debe enfrontar un importante reto: conseguir un grupo cohesionado e capaz de disputarlle a alcaldía ó socialista Manuel Vázquez. Pera elo, o primeiro obxectivo é formar un equipo de «xente independiente e que teña gañas de traballar». Non será fácil. -A xente non quere participar. Hoxe resulta difícil que a xente queira definirse. Pero estivemos reclutando xente e temos a xestora case pechada. Agora estamos traballando a ver se reclutamos a algunha muller máis, porque a nosa idea é que a metade da xestora estea formada por mulleres. -E agora ¿cales serán os seguintes pasos a seguir? -Agora o presidente provincial levou unha lista que terá que ser aprobada polo comité provincial. Tamén temos que empezar a traballar na elaboración dun programa electoral, aínda que case se poderá repetir o anterior. Despois propoñeremos un candidato. -En canto á candidatura, parece que vostede está descartado para ese posto. -Polo momento non se sabe. Se hai unha persoa que teña máis tempo ca min, podería ser. Pero as miñas inquedanzas sempre foron polo pobo. De feito, eu quería a segregación para A Illa porque cría que nos iamos gobernar mellor. -¿Podería haber candidata? -Non, non creo que haxa candidata. Eu creo que o candidato debe pasar primeiro por ser concelleiro. Hai catro anos estivemos buscando a unha persoa independente, pero agora cremos que o candidato debe sair dos cinco concelleiros que temos agora mesmo. -Pero dous dos concelleiros non foron integrados na xestora. ¿Pagaron o enfrontamento que tiveron entre eles? -Román Santiago e Alberto Pouso están aí para traballar. De momento non entraron na xestora, un pouco como castigo polo que pasou. Pero se eles están en disposición de traballar non haberá problema, porque son xente de toda a vida. -¿Como ve vostede o enfrontamento que protagonizaron entre eles? -Eu creo que eso se debeu máis a un acaloramento que a outros factores. É algo incomprensible e foi unha gran sorpresa. -Pero sempre se dixo que representaban a dúas correntes distintas dentro do partido. -Eu nunca detectei que fosen correntes distintas. De feito, Román foi unha das persoas que máis animaron a Alberto a entrar nas listas anteriores. Eu creo que a discusión obedeceu máis a motivos personais. -Aínda que é un pouco cedo para falar de propostas, ¿cales son os temas que considera prioritarios para A Illa? -Eu creo que temos un atraso importante con respecto ós concellos que nos rodean. Pagamos impostos tan altos coma noutros concellos e non temos servicios. Preocúpame sobre todo a xuventude, que na Illa non ten nada que facer. Hai que sacar á xente dos camiños e darlles unhas instalacións axeitadas. Deberiamos ter salas con ordenadores, instalacións deportivas, unha piscina municipal,... Tamén é primordial darlle un impulso ó acceso ó muelle do Cantiño. E tamén unha casa para os vellos.