AREOSO
16 sep 2002 . Actualizado a las 07:00 h.UNHA MÁGOA o do paseo peatonal de San Vicente, de verdade, unha mágoa. Pero xa era de esperar. Tendo en conta que no Grove hai terreo de sobra, porque claro, é un concello enorme, cunha chea de quilómetros cadrados, ¿onde se non podía haber unha base militar?, ¿en Sanxenxo? Non, home non, en Sanxenxo non, demasiado pequeno. ¿E que dicir da importancia estratéxica do enclave? ¿Qué sería da OTAN sen a nosa (sen a súa) península? O Grove está no cerne de tódalas rutas marítimas coñecidas; é o sitio perfecto (tamén é sitio distinto, pero esta xa é outra historia) para instalar uns canóns que protexan a patria do enemigo exterior. Non nos podemos fiar do enemigo exterior, tan traizoeiro, aínda que non saibamos quen é. É certo que os arames de espiño, que separan a base militar da vida real (nunca se levaron ben a vida real e os exércitos), non están moi integrados nese idílico entorno, vese que non consultaron con Medio Ambiente. Pero non hai que espantarse: se non fora pola base ¿en que lugar de similares condicións poderían pasar as vacacións os oficiais, cos salarios que paga Defensa? Por favor