Recordos dun mar sempre presente

M. S. A ILLA

AROUSA

VÍTOR MEJUTO

A Illa abre esta tarde unha exposición de embarcacións tradicionais dentro das festas do Carme A Illa continúa hoxe coas súas festas, preparando a que será mañá a súa xornada grande. Se onte as homenaxes lle foron adicadas a San Ramón, hoxe será San Roque o protagonista dos actos, para deixar paso mañá sábado á Virxe do Carme. Acompañando ós actos lúdicos e relixiosos, esta tarde a asociación Dorna abrirá na lonxa unha exposición na que se recolle o traballo feito pola Escola de Navegación e Aparellamento de Embarcacións Tradicionais. Unha mostra que poderá visitarse ata mañá.

18 jul 2002 . Actualizado a las 07:00 h.

Nun pobo cunha profunda tradición mariñeira como é A Illa non pode faltar unha celebración moi especial da festa do Carme. Neste municipio a homenaxe á Virxe convértese nunha das citas máis concurridas e esperadas do ano, só comparable á do patrón San Xulián e a dos carnavais. Por iso a localidade comezou xa as celebracións o pasado mércores e seguirá de festas ata que mañá se celebre a procesión marítima na honra da Virxe. Hoxe tócalle o turno a San Roque, a quen se lle ofrecerá a misa e a procesión. Durante a tarde organizaráse unha festa da escuma na Praza do Campo, mentres que aqueles que prefiran actos máis tradicionais poderán asistir a unha exhibición de bailes rexionais no Regueiro. Unha verbena amenizada polas orquestas Sintonía de Vigo e Cinema saudará a chegada do día que A Illa lle adica ó Carme. Esta xornada comezará ben cedo co son da música nas rúas. A banda de Barro, a banda de cornetas e tambores de Poio, o grupo Lembranzas de Corbillón e a charanga NBA serán as agrupacións encargadas de dar o pasarrúas. Trala misa, a Virxe sairá en procesión ata o peirao, de onde partirá flanqueada por decenas de embarcacións para facer a ofrenda floral ós mariñeiros.. Mentres, dende hoxe ás seis da tarde e durante toda a xornada de mañá, poderáse visitar na lonxa unha exposición de embarcacións tradicionais organizada pola Asociación Cultural e Deportiva Dorna. Na mostra tamén haberá traxes e ornamentos tradicionais da sección de baile e un traballo feito pola sección de video-filmación, adicado ás dornas a vela. Haberá tamén unha selección de fotografías de Rosa García, adicadas ó mar.