A procesión marítima e unha alfombra floral centran os actos do día grande da celebración meca Cos fogos de artificio arrincou onte pola noite o día grande das festas do Carme do Grove. Coas rúas cheas de música e de atraccións, a patrona dos mariñeiros será honrada hoxe por propios e extraños. Haberá misa cantada, haberá ofrenda floral, haberá procesión marítima, e unha grande alfombra de flores para a Virxe do Carme. Os actos puramente relixiosos convinaranse, no tempo e no espacio, con outros eventos de carácter lúdico: música, «majorettes» e as atraccións do Corgo.
15 jul 2002 . Actualizado a las 07:00 h.Alá pola media noite, os fogos de artificio anunciaron a todo aquel que se atopaba no Grove que o día grande da Virxe do Carme tiña chegado. O espectáculo de luz e cor servíu como sinal de saída para unha xornada na que o municipio meco ferverá de actividade tanto relixiosa como lúdica. As bombas de palenque tiñan que ser as encargadas, xa hoxe pola mañá, de volver a anunciar a festa da patrona dos mariñeiros. Na honra do Carme están programados múltiples actos. Empezando polas alboradas de bandas de música e de grupos de gaitas. Logo, ás once da mañá, as «majorettes» e a Banda Real de Gaitas de Ourense abrirán o camiño da igrexa, onde media hora despois comezará a misa solemne, na que o presidente da Deputación de Ourense, José Luis Baltar, fará unha lectura e realizará unha ofrenda floral canda a concelleira Paula Janza. A Coral Polifónica da Confraría San Martiño do Grove será a encargada de cantar durante a misa. Para a xornada de hoxe, a ANPA do colexio Valle-Inclán organizou a elaboración dunha alfombra de flores para a virxe. Unha ofrenda que tiñan en mentes desde hai anos, pero que ata o de agora «por unhas e outras cousas, sempre quedara pendiente». Onte escolleron as flores, e hoxe, a partir das tres da tarde, comezarán a darlle forma. A outra cita grande do día será ás seis da tarde. Nese momento, sairá da capela de San Roque a procesión, que chegará ata a praza do Corgo. E, acto seguido, comenzará a procesión marítima, unha cita na que os barcos lucirán engalanados para a ocasión. Novas actuacións de grupos de baile, como Cantodorxo, e unha gran verbena (amenizada polas orquestras Solara e Luces), porán o colofón a unha xornada na que devoción e divertimento camiñan da man.