As incoherencias de Cores Tourís

La Voz

AROUSA

15 jul 2002 . Actualizado a las 07:00 h.

Nunha nota de contestación, cargada de frases tópicas e simples («O Bloque é incoherente», «antepoñen os intereses partidistas ós intereses xerais», «nós imos seguir na mesma liña». «o albariño é importante»...) o alcalde de Cambados parece que non entende, ou non quere entender, o que é o diálogo. Concibe o diálogo coa oposición se esta di que si a todo o que propoña o equipo de goberno, e confunde o diálogo con outras administracións con sumisión ó que digan dende arriba. Non entende que o diálogo é precisamente o contrastar ideas que poden ser distintas e discrepantes, para chegar, ou intentar chegar, a conclusións comúns. Se todos pensásemos e dixésemos o mesmo non habería diálogo, senón monólogo. Neste sentido, dende o BNG, temos feitas repetidas ofertas de diálogo e participación nos máis variados temas (sede consello regulador, PXOM, selección de persoal, conflicto da Policía Local, etc) obtendo sempre a calada por resposta ou a negativa prepotente. Consenso para pedir a sede De tódolos xeitos, seguimos insistindo: a reivindicación da sede do consello regulador da denominación de orixe Rías Baixas para Cambados é coma se fose «unha cuestión de Estado», e necesita do máis amplo consenso e apoio de tódalas forzas políticas, sociais, económicas e sectoriais a través dun diálogo amplio e aberto, para que Cambados poida negociar dende unha posición de forza e non de debilidade. Críticas á organización Respecto das pretendidas incoherencias de que nos acusa o señor Cores Tourís, temos que aclararlle unha cousa que si ten moi clara moita xente, pero el non: criticar determinados aspectos organizativos da Festa do Albariño non é estar en contra dela; senón todo o contrario. Precisamente, porque nos gusta, porque lle temos moito aprecio, queremos que se fagan as cousas ben e que se subsanen os defectos. Queremos que se administren os cartos de tódolos cambadeses, que eses 200.000.000 de pesetas que se levan invertidos nos dez últimos anos teñan unha xusta correspondencia coa instalación no noso concello da sede do consello. O que isto asina estivo oito anos ó fronte da organización da Festa, traballando en condicións máis precarias e vencendo contratempos, para mellorar e facer proguesa-la Festa, coma, sen dúbida, fixeron outros alcaldes. Por suposto, tamén recibiu críticas de xente que, supoño, non estaría en contra da Festa. Quen si amosou unha total incoherencia na reclamación da sede do consello regulador foi o PP, e o señor Cores Tourís principalmente, pois despois de dicir que levaba no se programa electoral do ano 99 este punto, en outubro do mesmo ano, apoia publicamente a idea de que a sede se estableza en Pontevedra, nun edificio ofertado pola Deputación; un par de meses despois rechaza unha moción do BNG reclamando a sede para Cambados, e a continuación no mesmo pleno, presenta outra similar que nós, por suposto, non tivemos inconveniente ningún en votar a favor, a pesar das descalificacións que se nos facía. Pasados máis de dous anos, o alcalde aínda non deu mostras públicas de ter feito xestións para cumplimentar ese acordo. Politización da festa ¿E que dicir das acusacións de politización? O alcalde di que non é partidario da constitución dun Padroado para a organización da Festa para evitar que esta «sexa política». Deixando a un lado a demonización que se pretende da palabra política, se nos fixamos no sentido que o señor Cores Tourís lle quere dar a esta palabra, ¿non haberá politización máis descarada que a que está a face-lo PP invitando á inauguración da Festa ó portavoz do PP na Illa, ou ó presidente local do PP de Vilagarcía e non ós alcaldes destes concellos? ¿E que dicir das invitacións ó xantar do secretario xeral do PP, de tódolos senadores galegos do PP, do secretario xeral de Xóvenes Agricultores, do presidente de Silvanus, de tantos e tantos cargos e «carguiños» do PP, e do nomeamento de cabaleiros e pregoeiros ligados ó seu partido? Unha reivindicación xusta O BNG reitera o seu chamamento a traballar conxuntamente nunha xusta petición do pobo de Cambados, como é a de que o noso Concello sexa sede definitiva do consello regulador de Rías Baixas. E non só por unha cuestión de reivindicación histórica, senón tamén pola indubidable repercusión económica que esta decisión pode ter en amplios sectores da nosa poboación, como o comercio, a hostelería e o turismo. Se alguén, na súa soberbia, non se quere mover, alá el. O pobo de Cambados non se vai quedar parado nin calado, e nós, lexítimos representantes dunha importante parte, tampouco. Xoán Antonio Pillado . Portavoz do BNG de Cambados.