«Vendo todo o que se nos vén enriba, é mala época para ser patrón maior»

Bea Costa
B. COSTA A ILLA

AROUSA

VÍTOR MEJUTO

Ventura Rivas Torrado, patrón maior da Illa de Arousa Ventura Rivas recoñece que está a pasar polos momentos máis difíciles como patrón maior da Illa. Dixo que dimitía, pero de momento vai seguir ata xaneiro a pesares de que pensa que non é o mellor momento para manterse ó frente do barco «vendo todo o que se nos ven enriba». Non quere nin oir falar de volver presentarse ás eleccións e agora o que máis lle preocupa é evitar a «crispación social». Pero a situación non é propicia. A retirada de pérmex ás mariscadoras e a reestructuración da flota de baixura son dous asuntos que afectan de cheo na Illa -a confraría conta con máis de 1.500 socios- e empezan a pasar factura.

28 jun 2002 . Actualizado a las 07:00 h.

Ventura Rivas está a recibir nos últimos días moitas críticas á súa xestión, pero pensa que é xusto recoñecer que «nestes 16 anos se conseguiron moitas cousas». «Fomos exemplo de organización en Galicia e cada vez os mariscadores gañan máis». Pensa que é momento de que entre xente nova na entidade «e aproveite o camiño que nos fixemos, como eu o fixen coa xente anterior a min». _¿Tan mal o está a pasar, ata o punto de querer dimitir? _Pasei momentos moi conflictivos, como cando foi o problema do furtivismo. Moitos se esquecen, pero eran días de moita tensión. Pero esta vez me toca enfrentarme cos propios veciños, e convivo con eles tódolos días. Xa unha semana antes do conflicto comentaba cun colaborador que en xaneiro había que convocar eleccións porque me sinto canso. Vía que non era capaz de enfrentarme ós acontecementos que está habendo últimamente e sorprendeume todo o que pasou. _Ó remate da asamblea do martes, cando anunciou que seguía como patrón maior, dixo «a ver se non me pesa» ¿por que lle ía pesar? _Porque isto é unha cadea de cuestións que veñen de hai tempo e poden estoupar. Está o plan de actuación para a flota artesanal que provoca un descontento moi grande e que vai acabar en conflicto. E pode ser que a curto plazo non haxa aínda solucións. Por iso quería unha reunión co conselleiro, para clarificar certas cousas. Na Arousa non pasa coma noutros sitios, temos unha xuventude que quere traballar no mar e se atopa con mil problemas porque non é capaz de legalizar a embarcación, de obter un pérmex axeitado..., e iso xenera nerviosismo. Dixen que me podía pesar pero tamén quero dicir que vou traballar ata o último momento. _Mala época esta para ser patrón maior... _Vendo o que se nos ven enriba, si, porque se vai marcar o futuro do sector dos próximos anos. Estamos falando do desguace e paralización definitiva de barcos, e as circulares da consellería din que aquel que non se acolla en tres meses a este plan non vai poder legalizar o seu barco. Aquí o 95 por cen é flota de baixura de menos de 7,5 metros de eslora, e isto nos afecta moito. É imposible pensar en desguazar. Todo o que hai nos fai falla e non chega. O conselleiro dicía que ía estudiar porto por porto a situación, e naqueles que se desguazasen moitas embarcacións se poderían dar novas construccións para xente xoven. Espero que iso se confirme, porque sería unha saída para este pobo. _E ademais, está o problema dos pérmex das mulleres, que ten moi difícil solución. _Eu xa sabía, e así llo dixen ó conselleiro, que este tema ía desencadear unha crisis na Arousa de consecuencias impredecibles. Un problema que noutro pobo se pode resolver ben, aquí resulta moi difícil porque todos somos familia. Pero as mulleres teñen que ser conscientes de cando se lles esgotan as vías para chegar a unha solución. A consellería da este caso por pechado e teñen que acatar as normas. Teñen que comprender que non poden meter á confraría nun calexón sen saída. Nós non podemos legalizar a súa situación.