Salomé Peña topouse de repente e sen contar ante o encargo de asumir a alcaldía de Ribadumia. Aínda que levaba dende o principio do mandato traballando no concello como concelleira liberada, a súa designación como alcaldesa fixo que pasase repentinamente ó primeiro plano da escena ribadumiense. -A verdade é que ocurriu todo por sorpresa. Pero creo que o tomei con responsabilidade e con gañas de traballar. Agora trátase de rematar o traballo que empezamos. -¿Rematar e iniciar unha nova etapa ou só rematar? -De momento só rematar. -Aínda que vostede xa traballaba aquí no concello, supoño que pasar á alcaldía sería un cambio moi grande. -Sí, non é o mesmo estar traballando que ser a cabeza visible. Pero quero destacar sobre todo a labor de equipo, foi unha etapa de traballo en equipo. Creo que se fixo unha política aberta e participativa para tódolos veciños, que era o que se pretendía. -A súa entrada no concello produciuse por unha situación un tanto atípica. ¿Como viviu vostede esta circunstancia? -Ó principio foi un choque para todos. Pero eu creo que pouco a pouco a xente o vai olvidando. Nós tratamos de facer unha labor continuista e creo que non houbo grandes cambios. O que se pretende é gañar a confianza dos veciños e non lle dar maior importancia ó que pasou. Temos que mirar cara o futuro, non mirar cara atrás. -Vostedes teñen unha ampla maioría. Sen embargo, a oposición acúsaos de ter un talante un tanto autoritario. -Eu creo que non, nós estamos aquí para o diálogo. Eles saben que calquera cuestión ou calquera dúbida que teñan eu estou a disposición deles. -Vostede é a única muller alcaldesa da comarca. ¿Como se sinte rodeada de homes? -Eu creo que esta é unha situación que temos que cambiar. Pero a verdade é que eu nunca me sentín incómoda. Eu son unha máis e nunca me sentín tratada de distinta forma ós demais. Tampouco me gustaría que me trataran de distinta forma polo feito de ser muller.