En lembranza do teatro cambadés

M. A. CAMBADOS

AROUSA

MARTINA MISER

A compañía Caracol celebra o seu décimo aniversario cunha exposición de historia Recuperar a historia de todas aquelas persoas que algún día tiveron algunha relación co teatro en Cambados é o principal obxectivo da exposición que organiza a compañía de teatro Caracol. O outro, celebrar os dez anos de historia que cumple este peculiar grupo de teatro formado por pais e nais que un día decidiron subirse ó escenario para agasallar ós seus fillos. Coa colaboración dos veciños conseguiron recuperar fotografías do ano 1915 e ata unha antiga partitura composta para unha obra.

20 may 2002 . Actualizado a las 07:00 h.

Non conseguiron recuperar todo, pero sí unha grande parte do que foi a historia do teatro en Cambados. Os integrantes da compañía Caracol levaban máis dun ano recopilando fotografías, carteis e todo tipo de materiais relacionados con este arte para que «tódolos que humildemente nos adicamos a esto no noso tempo libre non sexamos máis os grandes esquecidos», relata a directora da compañía, Olga González. A primeira conclusión que se extrae desta mostra é que o teatro no municipio creceu intimamente ligado ás celebracións relixiosas e, sobre todo, ás xuventudes católicas. A peza máis antiga é unha partitura que agora interpretaron e gravaron en CD. A exposición comeza no 1915, coa que consideran a primeira obra que, como tal, se puxo en escea. Despois amosa un amplo exemplo do que foron as representacións das xuventudes con motivo de celebracións coma Cristo Rey, a Purísima e outras festas con fotografías e carteis. Son moitos os veciños que se recoñecen nesas imáxenes, coma o anterior alcalde, Santiago Tirado, o agora conselleiro de Xustiza, Antonio Pillado ou o portavoz do BNG. Xoán Antonio Pillado. Eles e decenas de veciños foron os encargados de poñer en escea obras coma La venganza de Petra ou Los que quedamos , entre outras moitas. Tamén se recolle a historia máis recente das compañías de teatro que se formaron no instituto Cabanillas, coma Feirantes Balboas. Toda unha lección de historia en recordo deses ilustres descoñecidos que algún día adicaron parte do seu tempo libre ó mundo do teatro.