As letras e o mar

La Voz

AROUSA

A Illa prepara unha mostra sobre Frei Martín Sarmiento e varias actividades relacionadas co medio mariño Frei Martín Sarmiento compartirá o seu Día das Letras Galegas co mar en A Illa. Tanto o Concello como os centros escolares teñen preparadas mil e unha actividades para celebrar tan sinalada data. Teatro, exposicións, escritos, lectura de poemas e ata un especial bautismo de mar completan o programa, cargado de simbolismo, que encherá A Illa da maxia das palabras a vindeira semana. A festa das letras non só servirá para revitalizar as grandes figuras que pariu a escrita galega, senón tamén para dar unha volta pola cultura propia do municipio. Os mozos serán os seus principais receptores.

10 may 2002 . Actualizado a las 07:00 h.

REDACCIÓN VILAGARCÍA O vindeiro martes inaugurarase no Centro de Educación Secundaria de A Illa de Arousa unha exposición itinerante, dependente do departamento de Política Lingüística da Xunta, sobre a figura de Frei Martín Sarmiento. Durante tres días poderase visitar no centro educativo esta exposición, que vai estar presente en boa parte da comarca. O percorrido pola mostra será acompañado das explicacións dun profesional. Para que os mozos coñezan o quefacer do que este ano mereceu o Día das Letras Galegas, organizaranse visitas para os alumnos tanto do colexio Torre coma do propio instituto. A mostra tamén estará aberta ó público en xeral, en horario de tarde. Nesta actividade colaboraron estreitamente Concello e colexios. Máis que ver Na Illa, Frei Martín Sarmiento compartirá o seu protagonismo co mar. Así, noutra das salas do instituto tamén se abrirá a vindeira semana unha exposición organizada pola Federación pola cultura mariña. A través de catorce cadros de grandes dimensións faise un percorrido polo fascinante mundo das embarcacións tradicionais e a súa recuperación, con fotografías e textos explicativos. O mar e as palabras veñen da man na Illa.