Con premios máis modestos, dada a súa capacidade económica, pero coa mesma ilusión, tamén a sociedade recreativa Gato Negro de Carril celebrou onte un concurso de maios, e fóra de Vilagarcía, o Concello do Grove organizou o seu propio certame en colaboración coas asociacións de pais de alumnos do municipio. Na cita da praza do Corgo houbo premios para os maios artísticos na categoría de maiores e menores de oito anos. Na primeira gañaron os traballos presentados cos nomes O Concello, Igrexa de San Vicente e Cruceiro da asociación de veciños de Ardia. En menores de oito anos premiouse Maio pequeno, a caixa e Xirafa. En maios tradicionais e en coplas acapararon os premios os alumnos do colexio Valle-Inclán. Os de sexto levaron o primeiro en maios tradicionais; os de terceiro gañaron o segundo premio e os de cuarto clasificáronse en terceiro lugar. En coplas, o primeiro premio foi para quinto curso; o segundo, para o grupo de terceiro curso e o último premio, para o sexto curso do colexio Valle-Inclán. Con tan festiva benvida á primavera, tan só falta que o tempo se lembre de mirar o calendario.