Polo que respecta ó uso do galego en cada un dos centros ós que se refire o informe, só no IES da Illa e no IES de Carril medrou de xeito significativo, dun 60 a un 80% no primeiro caso e dun 25 a un 40% no segundo. No resto dos centros onde medrou a porcentaxe, o crecemento non supera o 10%: dun 63,6 a un 66,6% no Castro Alobre, dun 22 a un 23,5% no IES de Vilalonga, dun 46 a un 50% non IES de Vilanova e dun 15 a un 22,7% no IES Armando Cotarelo Valledor, que segue a ser o que presenta datos máis negativos. Pola contra, o uso do galego baixou no IES Ramón Cabanillas dun 100 a un 81,2%, no IES Fermín Bouza Brey dun 50 a un 46,6% e no IES Monte da Vila dun 92 a un 85,7%. Pola súa banda, datos da Mesa pola Normalización Lingüística constatan que o decreto incúmprese nun 90% en Infantil e primeiro ciclo de Primaria, nun 70% na ESO, nun 63% nos ciclos formativos e nun 87% en Bacharelato. A coordenadora recorda tanto ós alumnos como ós seus pais que teñen o dereito de esixir que se cumpran os mínimos de clases en galego.