Bibliotecas e centros de estudios celebraron unha xornada que apenas tivo repercusión nas librarías Nin sequera o desconto dun 10% semella ser o suficientemente atractivo como para decidirse a mercar un deses libros que ignoramos o resto do ano. Nas librarías de Vilagarcía, aínda co reclamo da rebaixa anunciado, a xornada pasou case desapercibida, cun volume de ventas aínda inferior a anos anteriores. A esperanza está pois na canteira, que a ver se coas campañas de animación á lectura é capaz de superar a etapa dos videoxogos para facer amistade con eses outros personaxes de ficción que pululan polos contos. Con ese obxectivo, colexios e bibliotecas da comarca celebraron a xornada con diversas actividades.
23 abr 2002 . Actualizado a las 07:00 h.S. L. L. VILAGARCÍA Os libreiros botan en falla campaña como as que se organizan en Cataluña para celebrar a festividade de San Jordi: unha flor e un libro. Resulta de tal xeito efectiva que parece ser que as ventas ese día equivalen ás de tres meses do resto do ano. Nada que ver co que pasa en Galicia, e a comarca de Arousa non é unha excepción. As librarías apenas notaron a incidencia da xornada, malia o desconto dun dez por cento no precio dos volumes. Menos mal que nos colexios e nas bibliotecas se levan a cabo campañas co loable obxectivo de cambiar esta tendencia. Na biblioteca do Grove houbo premios para os mellores lectores, aqueles que foron quen de descubrir o atractivo das historias contadas en letra impresa. En Catoira celebrouse a xornada con teatro, outro xeito de collerlle gusto as mensaxes que se esconden tras as palabras. Dentro da programación cultural de primavera organizada polo Concello houbo unha representación na casa de cultura de Santa Baia. No resto da comarca, a celebración da xornada centrouse nos centros de estudios. Para mostra, o colexio de Carril, que leva anos celebrando o Día do Libro coa entrega de premios ós gañadores dun concurso literario. Rapaces de tódolos cursos presentaron os seus traballos e leron poemas e redaccións que logo serán recollidos na revista que edita o centro de estudios.