Valga convoca unha nova edición do premio adicado a Xesús Ferro Couselo

La Voz

AROUSA

VÍTOR MEJUTO

O traballo de investigación que resulte gañador neste certame de estudios históricos recibirá 3.675 euros O Concello de Valga acaba de convocar a séptima edición do premio de investigación Ferro Couselo, dirixido a traballos realizados dentro das especialidades de etnografía, paleografía, numismática, arqueoloxía e historia da arte. O certame contará con dúas modalidades, unha adicada a obras de investigación e unha segunda mediante a que se concederá unha bolsa de estudios. O prazo de entrega rematará o próximo día 15 de xuño, mentres que o fallo do xurado se dará a coñecer o día 30 de xullo, xornada na que se cumpre o 96 aniversario do nacemento de Xesús Ferro Couselo.

12 abr 2002 . Actualizado a las 07:00 h.

M. S. VALGA Na primeira modalidade do premio, adicada a traballos de investigación, poderán concorrer tódolos autores de calquera nacionalidade, con unha ou máis obras, pero co requisito de que éstas deben estar escritas en lingua galega. Os estudios deben estar inéditos e non ter recibido antes ningún outro galardón. Asimesmo, nas bases estipúlase que a extensión das obras pode ser dun mínimo de cincuenta folios e un máximo de trescentos. O traballo elixido recibirá unha dotación de 3.675 euros (611.469 pesetas). En canto á segunda das categorías do certame adicado a Xesús Ferro Couselo, consistirá nunha convocatoria de bolsa de estudios para proxectos adicados a investigacións históricas, etnográficas ou sobre persoeiros do Concello de Valga. Para participar nesta modalidade haberá que presentar un guión razonado, no que se detallarán os obxectivos que se pretenden acadar co traballo, a metodoloxía que se pretende empregar e as fases de realización. O xurado fará un seguimento continuado do desenvolvemento do traballo. Esta axuda estará dotada con 1.825 euros (303.654 pesetas). O 25% da bolsa entregaráse unha vez fallado o premio, mentres que o 75% restante se abonará cando remate da investigación. Prazos Os participantes nas dúas modalidades terán de prazo ata o 15 de xuño para entregar os orixinais. Deberán enviarse tamén catro copias. Os traballos irán baixo un lema que debe figurar tamén no exterior da plica na que se conterán os datos do autor. Pola súa banda, o xurado estará constituído por catro especialistas no campo da investigación, que serán designados pola comisión de Cultura do Concello. O seu fallo daráse a coñecer o día 30 de xullo, cando se cumpre o 96 aniversario do nacemento de Xesús Ferro Couselo. As obras premiadas quedarán en poder do Concello de Valga, que se reserva o dereito de publicación das mesmas. En calquera caso, o xurado pode tomar a decisión de declarar deserto o premio.