Concello e Caixanova renovan o convenio que traerá a Vilagarcía un novo ciclo de encontros culturais Concello e Caixanova renovaron onte o convenio de colaboración que cada ano deixa en Vilagarcía un feixe de encontros coa cultura. Javier Gago presidiu a sinatura do acordo, na que tamén estiveron presentes o edil Roberto Araujo, e os responsables da entidade financieira, Serafín Quintero e Javier Villaronga. Nomes como Laxeiro, títulos como «Ellas, la extraña pareja» ou a plasticidade do ballet de Moscú destacan na programación para os vindeiros meses. A meirande parte dos actos terán lugar na casa de cultura, aínda que de cara ó verán non se descartan localizacións ó aire libre para a celebración dalgúns eventos.
05 abr 2002 . Actualizado a las 07:00 h.REDACCIÓN VILAGARCÍA Durante a firma do convenio, tra-los correspondentes agradecementos e parabens, o alcalde de Vilagarcía pediu a Caixanova que para o ano que ven se teña en conta que a cidade contará cun novo auditorio. Un novo espacio no que terán cabida un sinfín de actividades culturais. Pero á espera de que ese momento chegue, o presente convenio deixará en Vilagarcía un longo listado de experiencias culturais. Exposicións. Do 1 ó 31 de agosto a obra de Ramón Caamaño poderá ser contemplada en Vilagarcía. A mostra está composta de setenta imaxes que foron captadas por este artista, que foi pioneiro da fotografía en Galicia, entre os anos 30 e a posguerra. Do 26 de setembro ó 27 de octubre, será a obra de Laxeiro a que encha os universo da arte. Os cadros que conforman a mostra son unha das mellores seleccións da obra do artista o que lle confire un carácter casi de antoloxía pictórica. Escena e música. O día 14 de abril chegará a Vilagarcía a obra Ellas, la extraña pareja, interpretada nos seus papeis principais por Fiorella Faltoyano e Cristina Higueras. O autor da comedia, Neil Simon é un dos máis salientables dramaturgos da escea contemporánea. E de abril a xullo. Ese mes actuará na capital arousana o ballet de Moscú, xunto coas máis destacadas estrelas da danza en Europa. Precisamente, con motivo da celebración dos seus dez anos de xira por toda Europa, a compañía de Moscú invitará para as súas actuacións este verán ós solistas dos principais ballets europeos. E da danza ós matices folc. Mercedes Peón ofrecerá en agosto un concerto para amosar os seus últimos traballos, que se adentra nas máis profundas raíces da música tradicional. Por outra banda, aínda que está sin data, tamén se achegará a Vilagarcía a formación polifónica Capella Madrigalista de Ourense. Audiovisual. No programa cultural de Caixanova e Concello non se esqueceu do quefacer audiovisual. Así, proxectarase o video documental sobre o medio mariño Baixo as ondas das rías, de José Irisarri. Aproveitando o pase deste documental para o público en xeral, tamén se deseñou unha sesión didáctica especialmente adicada ó colectivo escolar.