XAVIER MONTERO ENTRE A LENDA E A MEMORIA A igrexa de Meaño é de estilo románico aínda que sufreu bastantes alteracións en épocas recentes
23 feb 2002 . Actualizado a las 06:00 h.Os xeógrafos definen a parroquia galega coma unha unidade xeográfica, social e cultural delimitada. Non ten personalidade xurídica propia senón que se trata máis ben dunha construcción mental colectiva, que conta coas súas propias costumes e tradicións e funciona coma o principal marco de referencia para artellar as actividades necesarias de cooperación entre os veciños. E cada parroquia ten o seu centro espiritual, formado básicamente pola igrexa, o ceminterio e a casa rectoral. Un destes centros parroquiais é o de Santa María de Simes. A igrexa é de estilo románico aínda que sufreu bastantes alteracións en épocas recentes. Malia ser víctima de restauracións pouco axeitadas o feito de conservar o seu adro orixinal, pechado por un valo que rodea toda a igrexa e ao que se accede por unha gran escalinata, fan de este conxunto un lugar de singular beleza e considerable valor antropolóxico. Nun mundo caracterizado polo microcosmos familiar, a compartimentación da terra, os lindes e a propiedade privada, a igrexa e o adro constitúense como o único espacio público da comunidade. Ademáis da súa función relixiosa o centro parroquial funcionou sempre coma un verdadeiro centro comercial e social: nel organízanse feiras, mercados e romerías; a xente reúnese no adro para charlar ou tratar aspectos referentes a administración da parroquia; e nel entérranse os defuntos da parroquia. Unha poboación diseminada no territorio concentra neste pequeno espacio tódalas súas funcións socioculturais: lugar de convivencia, de tertulia, de rezos, de festa, de ritual profano, de mortos. Por iso non está illado como acontece coas casas particulares, senón que adoita emprazarse nun lugar predominante e ben comunicado, do mesmo xeito que a praza ou o mercado no ámbito urbán. Cando chegamos a unha aldea o primeiro que vemos é a súa igrexa, pois ésta se asenta no cume dún outeiro, nun nivel superior ao das casas, presidindo todo o contorno, configurándose coma o referente simbólico máis importante da paisaxe. O conxunto parroquial de Simes resume na súa sinxeleza esa estreita relación entre arquitectura, territorio e cultura. Non esquezamos que en Galicia a arquitectura é unha prolongación da paisaxe, pero tamén o reflexo das costumes, as pautas ideolóxicas e os sistemas de pensamento das súas xentes. A mágoa e que unha mal entendida modernidade está a estragar esta peculiar simbiose cos efectos sobre o noso patrimonio xa coñecidos... Na vindeira semana falaremos das casas rectorais.