Aclaracións sobre o conflicto suscitado no Cotarelo

La Voz

AROUSA

TRIBUNA PÚBLICA

21 feb 2002 . Actualizado a las 06:00 h.

No diario La Voz de Galicia de data 15 do presente mes, publicouse unha información referente ó conflicto suscitado polo traslado dunha profesora ó instituto Armando Cotarelo Valledor de Vilagarcía de Arousa, da que desexamos facer algunhas puntualizacións. Respecto da afirmación de que o expediente aberto á profesora trasladada foi «impecable e non da lugar a recurso algún»: Primeiro: A resolución do expediente está recorrida na vía contencioso-administrativa. Segundo: Non entendemos que se fale de resolución «impecable» cando, na reunión mantida con data 14/02/02, entre responsables da Consellería e o equipo directivo do instituto, o Secretario Xeral expresou claramente as súas escusas por non ter contactado en ningún momento co centro docente afectado. Terceiro: No día de hoxe o instituto continúa sen ter recibida a «impecable» resolución da Consellería. Esta falta de comunicación puido ser causa da perda da posibilidade de considerar no seu día un recurso contra tal resolución. Cuarto: Na reunión mantida o día 14 do presente mes, a Consellería admitiu dictar unha nova resolución para aclara-lo expediente sancionador, no que respecta á especialidade pola que ven trasladada a profesora. Cremos que esta nova resolución non sería necesaria se a anterior fose «impecable». Quinto: Algúns responsables da Consellería expresan que é pouco probable que a profesora afectada continúe en Vilagarcía para o próximo curso. Parece como se a propia Consellería sospeita que os tribunais non estarán de acordo coa súa «impecable resolución». Sexto: Non calificaríamos de «impecable» un proceso no que temos constancia de que a profesora afectada tomou posesión do seu novo destino en distintas datas e no que nalgunha delas indícase a inexistente sanción de traslado «con cambio de provincia». Respecto de que o conflicto baséase en «especulacións», desexamos aclarar que o profesorado do instituto manifestou o seu desacordo cun procedemento que, aínda que sexa legal, parece inxusto porque afecta a outras persoas. Tal procedemento non é ningunha especulación, senón un feito consumado. O que é especular é o que fan algúns responsables da Consellería cando afirman que «o máis probable» é que a profesora non continúe no centro para o próximo ano, ou cando falan dun posible traslado dela ou doutras persoas. Tamén desexamos aclarar que as dimisións foron presentadas no seu día porque así o solicitou a maioría absoluta do claustro, pero isto non significa que os profesores dimitidos non participen igualmente da decisión do claustro. Claustro de profesores do Instituto Armando Cotarelo.