A lingua tamén é divertida

La Voz

AROUSA

Nenos de Guillán estrearon onte a campaña «Xoga en galego» Empezaron coa pita cega e aínda lle quedan por aprender outros moitos xogos cos que se entretían os seus avós. Uns trinta rapaces de Guillán estrearon onte a campaña «Xoga en galego», organizada pola Concellería de Xuventude en colaboración cos centros xuvenís Don Bosco. O obxectivo, recuperar os xogos tradicionais galegos, e por suposto, en galego.

18 feb 2002 . Actualizado a las 06:00 h.

S. L. L. VILAGARCÍA Por mor das consolas e a moda dos deportes chegados dende os países orientais os xogos cos que os avós entretían a súa infancia quedaron no olvido. Pero nunca é tarde para recuperalos, e este é o principal obxectivo da campaña que leva por nome Xoga en galego e que se estreou onte na casa de cultura de Guillán. Non é, con todo, o único fin que se persegue con esta iniciativa posta en marcha pola Concellería de Xuventude de Vilagarcía en colaboración cos Centros Xuvenís Don Bosco. Ademais de ensinar ós rapaces a xogar á pita cega, á chave, á panda, ó truco ou a comba, tamén se quere fomentar o uso da lingua galega como medio de comunicación normal nas actividades de tempo libre e promover o xogo colectivo como ferramenta para afianzar as relacións persoais. O idioma En canto o uso da lingua non houbo problema na primera toma de contacto, xa que ó levarse a experiencia ás parroquias, onde boa parte dos nenos falan galego, a norma cumpriuse nas obrigadas presentacións. Os rapaces viviron onte a primeira destas xornadas que se repetirán tódolos luns en Guillán ata o día 25 de marzo. Coa axuda dos monitores empezaron con debuxos e murais que completarán a oferta de ocio. Tamén se creará un logotipo e un slogan para cada xogo e está previsto facer entrevistas ós maiores para coñecer as súas preferencias cando vestían pantalóns curtos.