O Grove chora ó entroido

La Voz

AROUSA

MARTINA MISER

Unhas 300 personas participaron onte na comitiva fúnebre da sardiña Pilariña Unhas trescentas personas sairon onte ás rúas do Grove para despedir o entrodio. Encarnado nunha sardiña, coñecida como Pilariña, don Carnal morreu onte por «andar vajeando coa reválida» e a Lei de Universidades. O seu cadáver foi devolto ó mar do que saíu hai unha semana cando xa era de noite. Antes, unha ampla comitiva fúnebre de traxes de luto, de choros e de laios, percorrera as rúas máis céntricas do municipio -as que unen a Casa da Cultura coa praza do Corgo-. Diante do Concello léronse as pregarias pola alma do finado peixe. E logo, no peirao, a festa recibíu o último adeus. Anque a despedida será só ata o ano que ven. Porque daquela, se Deus quere, don Carnal volverá a campar pola península meca.

15 feb 2002 . Actualizado a las 06:00 h.

REDACCIÓN O GROVE Pilariña, a sardiña que presidíu o entroido grovense, foi enterrada onte. Tanto «vajear coa reválida» foi o que levou á este animal de papel a acabar flotando nas augas do peirado do Corgo. Foise coas mareas. E coas mareas foise tamén o entroido, esa festa na que todo é posible. No enterro, que saíu de Monte da Vila, houbo os choros e os lamentos de rigor. Ó principio, a xente era reacia a amosar a súa dor. Pero pouco a pouco esa frialdade foi desaparecendo para deixar lugar ás bágoas e á retranca. Porque houbo moita retranca, que é do que se trata nestas datas. Así, á hora de facer un repaso pola vida da finada, non faltaron as alusións á comunidade de montes de Noalla, que «xa teñen o Bao, as praias da vía, e xa soio lles falta a Alcaldía». E por se iso fose pouco, dicía a oración elevada polos mecos, «queimaron o barco, pa que non crusemos o charco». Por suposto, na oración non faltaron as pregarias. Polo campo de fútbol, pola piscina e polo pabillón. E as alusións a algúns directivos da comunidade de San Vicente, que «preparan as brasas con leña de pino». O Grove dixo adeus ó entroido. Pero agora xa chega a Cuaresma.