A imaxe do demo

La Voz

AROUSA

MARTINA MISER

JAVIER MONTERO ENTRE A LENDA E A MEMORIA A partir do relato do Xénese a serpe convírtese na raíña dos animais maléficos

09 feb 2002 . Actualizado a las 06:00 h.

Tomando coma referencia ineludible algunhas mitoloxías greco-latinas, o cristianismo convertiu á serpe na máis terrorífica imaxe do demo. Por iso é unha serpe a que incita a Eva a come-lo froito do primeiro pecado, prefiguración de todolos males da humanidade. É a partir deste relato do Xénese cando a serpe se convirte na raíña dos animais maléficos, encarnación mesma do Espíritu do Mal, alegoría dos baixos istintos como a envidia, o engano e a luxuria. Sen embargo, a arqueoloxía demostra que a figura da serpe xa xogaba un papel significativo no pensamento relixioso dos nosos devanceiros, moitos séculos antes da chegada da doutrina cristián. ¿Cómo se explica senón a presencia de serpes gravadas en pedra ou na orfebrería dende a cultura megalítica (3000-1800 a. C) ata o final da Idade do Ferro?. Neste sentido, poderíamos afirmar que a serpe non tiña porque ser necesariamente un animal maléfico. Non fai moito tempo o caldo de serpe empregábase nalgunhas aldeas pontevedresas coma mediciña para sandar o reuma, a tos ferina, a tisis ou algunhas enfermidades da pel. Seguro que este emprego da serpe na mediciña popular afunde a sua raiz naquelas sociedades arcaicas, do mesmo xeito que moito do noso folclore, no que conservamos un bo feixe de mitoloxías que pouco teñen que ver coas ideas có cristianismo asimilou a este animal. Así é que en moitos dos nosos castros viven mouras de fermosos cabelos loiros que de cando en vez toman a forma de serpe e só poden ser desencantadas mediante o bico dun mozo namorado. Outras custodian ricos tesouros dos que un home cobizoso tenta apoderarse. As veces unha serpe xigante provoca unha desfeita nun cortello e os demais veciños organizan unha partida para darlle ó merecido castigo. Algúns labregos aseguran que as serpes acuden de noite os establos a mamar o leite das vacas, crenza xa presente no mundo romano e que tamén se constata hoxe nalgunhas provincias francesas. En San Andrés de Teixido os romeiros non deben molestar as serpes que encontran no camiño, pois se cree que son as almas dos mortos que cumpren os votos non realizados en vida, algo moi parecido o que acontecía na cultura exipcia onde se pensaba que nas serpes ficaba encerrado o espíritu dos devanceiros. Como digo son moitísimas as lendas e crenzas galegas que teñen coma protagonistas as serpes. Mágoa que na nosa comarca a meirande parte destas historias estánse a esquecer, perdéndose con elas un dos aspectos máis curiosos da nosa cultura popular.