O Grove o celebrou con choiva

La Voz

AROUSA

Pese ó mal tempo, o pavillón de deportes encheuse para escoitar as comparsas As desagradables condicións atmosféricas non impediron onte que ós veciños do Grove disfrutaran da festa. Non en van, era o día grande do Entroido no municipio meco. As comparsar non puideron desfilar pero fixeron rir e bailar a toda a xente que encheu o pavillón dos deportes.

09 feb 2002 . Actualizado a las 06:00 h.

REDACCIÓN VILAGARCÍA As nove da noite de onte era a hora marcada para que os participantes na festa do carnaval se reunisen na praza do Corgo. Desde alí estaba previsto que se desprazaran ata o pavillón de deportes de Monte da Vila. Sen embargo, a choiva que comezóu a caer na tarde de onte impediu que puidese celebrarse o tradicional desfile polas rúas da localidade. A congregación de comparsas celebrouse, polo tanto, no pavillón de Monte da Vila. Alí estaban A faneca esfameada, As máis plus, Os sepelíns, Os Garolos, A Balluca, Os esmaghados, Os Güeros, Os Ultrasur e Os Cuanchos lucindo os atavíos que preparan desde hai días para ser lucidos neste evento. Xunto a eles, centos de curiosos, moitos deles tamén engalanados cos peculiares traxes destas xornadas. Así se dou inicio ó festival de comparsas e, desde entón, a festa prolongaríase ata altas horas da madrugada. Precisamente o recinto no que se celebróu o concurso e, en xeral, as instalacións deportivas do municipio serían obxecto de atención de moitas das letriñas compostas polas distintas agrupacións. E é que foi este un dos temas máis polémicos do ano neste concello. Xunto a éste, outros temas de actualidade centraron as coplas entonadas polos grovenses. E é que, xa se sabe que hai que aproveitar a licencia carnavalesca para criticar aquelo que non pode mentarse ó longo do ano.