O Plácido Castro premia dúas obras de traducción

La Voz

AROUSA

VÍTOR MEJUTO

Lois Tobío e Valentín Arias foron distinguidos na primeira edición do certame O poderío estético e técnico que caracterizou o traballo de Plácido Castro como traductor non o desmerecen os nomes que onte compartiron o primeiro premio de traducción, creado en homenaxe a este ilustre intelectual. Lois Tobío e Valentín Arias recibiron o favor do xurado polas súas traduccións das obras de Goethe e Diderot, respectivamente.

26 ene 2002 . Actualizado a las 06:00 h.

REDACCIÓN VILAGARCÍA O Primeiro Premio de Traducción Plácido Castro foi outorgado onte en Vilagarcía a Lois Tobío, pola súa traducción do Fausto de Goethe, e e Valentín Arias polo seu traballo con O sobriño de Rameau de Diderot. Ámbolos dous foron destacados pola riqueza, versatilidade e forza comunicativa que imprimiron as súas traduccións da literatura alemana e francesa. «Castro e Tobío volven a estar xuntos, dende o seu contacto na emigración, a través deste premio», aseguraba Xosé Luis Franco Grande, da Real Academia Galega. Para Valentín Arias tampouco faltaron as palabras de louvanza, pola súa exquisita contribución á traducción en galego. Así mesmo, en atención á calidade das obras que concurriron ó certame -un total de cincuenta e tres- tamén se entregou unha especial mención a Xosé Carballude e Xosé María Liñeira, pola traducción Sobre a amizade de Cicerón, e a Ana María Valladares pola súa sinatura en O espertar de Kate Chopin. O acto de entrega dos galardóns estivo presidido polo alcalde de Vilagarcía, Javier Gago; a edil cambadesa, Rosa Oubiña; e a presidenta da Fundación Plácido Castro e filla do escritor, Susi Castro. En representación do xurado asistiron Xosé Luis Franco, Xulio Ríos, Xabier Senín, Xulián Maure e Xosé Luis Franco. Nos discursos non faltaron as palabras para Plácido Castro a quen se referiron coma un dos primeiros traductores galegos, o primeiro escritor que considerou necesario someter a lingua galega a esta proba de expresión, como un xeito de prestixia-lo idioma.