Manuel Bouzas, ex-presidente da Autoridade Portuaria de Vilagarcía Hai xa unha semana que Manuel Bouzas abandonou o despacho do peirao de Pasaxeiros. Cunha tranquilidade inédita ó longo dos últimos tres anos e medio, o ex-presidente da Autoridade Portuaria de Vilagarcía fai balance da súa etapa, fundamental na recuperación económica da rada arousá. Bouzas di estar satisfeito do conseguido polo seu equipo. Uns logros que, asegura, esixiron «decisións valientes e costosas». Na súa mente atópase o polémico parque de hidrocarburos, que defende a capa e espada: «Se houbese que facelo de novo, tramitaría outra vez os depósitos de Ferrazo». Pero non é o único problema que tivo que enfrontar. «O momento máis difícil foi o desenvolvemento da explanada TIR», confesa coa perspectiva que dá o tempo.
19 ene 2002 . Actualizado a las 06:00 h.SERXIO GONZÁLEZ VILAGARCÍA As cousas eran moi distintas hai tres anos e medio, cando tomou posesión do cargo. O Porto de Vilagarcía estaba en números bermellos e o axuste resultaba imprescindible. Entón chegou Manuel Bouzas. -Para conseguilo tivemos que adoptar decisións difíciles. Pero había que coller o touro polos cornos e enfrontar as cousas con valentía. Ou tomabamos esas decisións ou marchabamos. Mesmo tivemos que falar con valentía en Santiago e Madrid, para que comprendesen que o que nos pedían, o saneamento do Porto, ía implicar decisións sangrantes. -Un destes sacrificios foi o dos famosos depósitos. -Si, foi un proxecto que houbo que abordar ineludiblemente. Primeiro, porque cumpría a legalidade. Segundo, porque era necesario, xa que Finsa-Foresa supón o 39% do volume de negocio do Porto. Tamén porque a súa tramitación estaba moi avanzada, pero aínda que non fose así teríamoslle dado para adiante. -De saber o que pasou, ¿volvería tramitalos? -Sen ninguna dúbida. Foi un proxecto que analizamos moi en profundidade. E, as cousas claras, sen a implicación de Finsa-Foresa en Vilagarcía e sen os depósitos, o Porto tería quebrado. E, teño que dicilo, provócanme hilaridade os que din que Vilagarcía pode vivir do turismo. -¿Non o cre? -Soster iso é facer demagoxia e ser un xacobino puro e duro. Dificilmente se poderá pasar dos seis mil pasaxeiros, porque falta infraestructura. -¿E que tal as relacións con Cuíña e Javier Gago? -Excelentes. Gago e eu sempre colaboramos, aínda que algúns quixeron torpedearnos. E con Cuíña as relacións son de gran amizade. Ó marchar agradecinlle a súa confianza e púxenme á súa disposición.