TRIBUNA PÚBLICA
19 ene 2002 . Actualizado a las 06:00 h.Dende a súa toma de posesión como alcalde de Cambados, o señor Cores Tourís ven amosando no seu discurso unha obsesiva fixación co BNG, a quen culpa de tódolos males. Claro que todo ten explicación. E este andacio que padece, se cadra, lle ven de que tenta lava-la súa culpabilidade por ter simpatizado nos seus anos mozos, segundo propia confesión, co nacionalismo. Nos acontecementos dos últimos días parece que o único que está a ter unha actitude crispada é o alcalde, a quen lle parece mal que un grupo da oposición pida responsabilidades políticas pola actuación violenta dun concelleiro. Porque unha cousa son as responsabilidades políticas e outra as responsabilidades xudiciais. ¿Acaso os do PP non pedían dimisións no Congreso cando era o tema dos fondos reservados e do GAL? ¿E os do PSOE non pediron tamén dimisións no caso de Gescartera? Se o BNG pediu o cese do cargo de tenente de alcalde do concelleiro, señor Domínguez (non chegamos a pedi-la dimisión como concelleiro) é porque, a parte de estar en igualdade de condicións que o outro encausado, no BNG temos constancia do seu comportamento violento e agresivo, pois algúns dos nosos membros teñen sufrido os seus insultos e ameazas, feito que foi recoñecido por el mesmo no pleno do pasado día 9. Por outra banda, consonte coa estratexia de descalificación do BNG, dende o PP estase a levar unha táctica de pecharse ante calquera iniciativa que propoñamos dende o noso grupo. Así, recházase a nosa moción para pedir para Cambados a sede do Consello regulador, e acto seguido presentan unha igual que nós non tivemos empacho en apoiar. Non se peatonaliza a Praza de Fefiñáns, aínda que o demande máis do 70% da poboación; non se acepta reclamar a subsanación dos defectos da estación de autobuses, que días despois comproba a Xunta nunha inspección. A Cores Tourís éncheselle a boca falando de diálogo, pero el é o primeiro en non practicalo. En todo o tempo que leva de alcalde non nos chamou unha soa vez para tentar chegar a acordos. Pásasenos a información das comisións de goberno con meses de retraso, o que nos levou á denuncia ante o Valedor. Dende o BNG sempre estivemos abertos a suxerencias, como demostramos no pleno sobre a vieira, no que admitimos modificacións na nosa moción para conseguir un consenso. Temos pedido máis participación, pero obtemos sempre a mesma negativa ou silencio. E foi o Bloque a primeira forza en apelar ó diálogo para resolve-los problemas da Policía Local, moito antes do incidente entre o garda e o edil. O BNG vai seguir cumprindo, con toda cordialidade e exquisitez, coa súa función de oposición (sen adxectivos), controlando, fiscalizando e presentando iniciativas, e, por suposto, aberto ó diálogo sobre calquera tema. Pero tamén quere deixar constancia de que non está disposto a ser unha oposición sumisa e calada, e que denunciará todo tipo de irregularidades que se observen. Se cadra isto é o que crispa a Cores Tourís. Xoán Antonio Pillado Silvoso.