Dous homes no recordo

La Voz

AROUSA

A obra «Homenaxe a Luis Seoane» servirá para rendir tributo ó pintor e a Manuel Lueiro «Nestes días énchenos de moi fonda satisfacción ó ver as páxinas dos periódicos de Bos Aires co nome do noso pobo: O Grove; en `Clarín'', na `Nación'', na `Razón'' e nos demais». Este parágrafo forma parte dunha carta que en abril de 1980 leu Lueiro Rey no Cine Marino. O que entón era concelleiro de Cultura na corporación meca oficiaba aqueles días como mestre de ceremonias nun acto de homenaxe a Luis Seoane, un debuxante universal que convertira en gravados a historia da morte do Meco. Aquela homenaxe comezara coa presentación dun libro que contiña eses gravados. E agora, a presentación doutro libro coas charlas de entón volve a convertirse en motivo de homenaxe: a Luis Seoane e a Lueiro Rey.

10 ene 2002 . Actualizado a las 06:00 h.

ROSA ESTÉVEZ O GROVE Manuel Lueiro Rey foi o encargado de abrir, hai 22 anos, a semana de homenaxe que o Concello do Grove rendía a Luis Seoane. O que entón era concelleiro de Cultura neste municipio explicou na súa intervención inicial o porqué deses actos. «Luis foi o único home de talla, desa talla intelectual e universal, que fixo un libro, un libro que é unha xoia de gravados, sobre a lenda do Meco», explicou Lueiro. Eso, sumado a pertenza deste debuxante e escritor á asociación de Fillos do Grove en Bos Aires, foi motivo máis que suficiente para que o Concello meco, daquela presidado polo Partido Comunista, decidise chamar a unha rúa Luis Seoane. E para que Manuel Lueiro organizase un programa de actos que levou ata o cine Marino ó mismísimo Rafael Alberti, por citar só un nome. Todo ocorreu en abril do ano 1980. Foi alí, no Cine Marino, onde o escritor Rafael Dieste presentou o libro de gravados do Meco. As súas verbas, igual que as verbas que pronunciaron todos os demáis que se subieron ó estrado, foron postas en papel polo organizador do acto. E vinte anos despois, todas as conferencias e todos os recitais que compuxeron aquela homenaxe veñen de ser recollidos nun libro, editado por Edicios do Castro. Ese libro será presentado o vindeiro sábado na Galería Lembranza. E anque nese acto non participarán moitos dos que si estiveron dúas décadas atrás no Grove, está prevista a asistencia de importantes figuras da cultura galega. Na mesa, como ponentes, atoparase o profesor Alonso Montero, canda Ramón Nicolas, canda un amigo de Lueiro, Francisco López, e xunto coa Concelleira de Cultura, Paula Janza.