Dous ourensáns protagonizan as exposicións do ano novo en Vilagarcía Hai un sentido da mesura e un sentido da desproporción. Son percepcións que poden resultar opostas para o espectador e que en Vilagarcía proceden de dous artistas ourensán que ocupan salas na capital de Arousa. Ramón Conde bota man da vella linguaxe da figuración en redondo e Miguel Mosquera recupera vellas paisaxes gráficas para lembrar que os camiños da comunicación non son sempre explicables. Son linguaxes que se poden entender como diametralmente opostas, que buscan no espectador resultados distintos. Conde provoca e Mosquera evoca. Ramón Conde ocupa a sala Briones de Vilagarcía e Miguel Mosquera remata nesta semana a súa exposición na galería Arcana.
05 ene 2002 . Actualizado a las 06:00 h.C.F. VILAGARCÍA Ramón Conde e Miguel Mosquera só teñen dúas cousas en común, son ourensás e autodidactas. No resto, a experiencia plástica e a progresión artistaca é diametralmente diferente. Ramón Conde acabou por centrar na figura humana, no seu exceso, no seu defecto e en algunhas perfeccións mal entendidas, o labor. Conseguíu, en parte, que o seu traballo máis coñecido, as gordas acabasen por ser marca de autor e fácilmente recoñecibles para os paseantes, curiosos. Tamén consigue, dende que iniciara tan singular formato que a xente acaba por discutir sobre elas. O percorrido desta serie é veterano. Conde foi cambiando os formatos e acaso reducindo un pouco a vella contradicción que alimentou a serie. Anos atrás, con outro material e outro formato, as súas voluminosas figuras contradecían o peso da matería con actitudes moi dinámicas. Co cambio a un material máis lixeiro como o que agora utiliza as figuras de Conde fixéronse máis repousadas, menos agresivas. A figuración de Conde, foi evoluíndo como queda clara na mostra de Vilagarcía, dende as figuras do michelín ata os corpos danone, son linguaxes que se alternan do escultor, as primeiras como exceso e as segundas como un referente que recupera un certo tipo de figuración que quere presentarse como realista, pero que evoca certos ideais físicos. Para Miguel Mosquera a comunicación gráfica é un sistema a interpretar. Mosquera medrou como un pintor-pintor, dos que manexaba a abstración como elemento colorístico sensible. Sen embargo, cos anos, sentiuse atrapado pola forza gráfica e tamén polos obxectos que a sociedade descartaba. As tres dimensións foron un chamado e Mosquera aproveitou os obxectos para subilos ás paredes nunha forma de paisaxismo metafórico que recorda como se levanta a sociedade urbana: unhas construccións sobre as anteriores. Pero ademais dos collages feitos co rexeitado, cartóns ou caixas, ou paus ou ferramentas perdidas, Mosquera traballa intensamente cos signos descontextualizados. É dicir con aquelas mensaxes que parecen perder utilidade no presente. Mosquera, en realidade, é un intérprete desas imaxes que quedan anacrónicas na vida doméstica, pero que conservan a forza cando o pintor as devolve a un espacio marcado, as reinterpreta como, seguindo a actitude teatral, un actor que resucita as vellas comediasw esquecidas das escenarios.