SERXIO GONZÁLEZ MAR DE FONDO
04 ene 2002 . Actualizado a las 06:00 h.A preocupación do pequeno comercio é lóxica. Sen embargo, e antes de que Vilagarcía se mergulle nunha das súas clásicas crises de identidade, comprería deixar algunhas cousas claras. Primeiro e fundamental, vivimos nunha economía de mercado na que o único dereito plenamente garantizado é o de facer negocio. Apélase ás competencias da Xunta para frear a implantación de pequenas e grandes superficies (ollo, que do que aquí estamos a falar é de supermercados). Pero tal idea xurde dunha concepción intervencionista da Administración. Nin máis nin menos. Algo que, por se alguén non se decatou, entra en elemental contradicción cos principios do libre mercado. No fondo, trátase dun problema de modelos. E os tiros apuntan moi clariño neste senso. Aquí non vale aquelo de que Deus e bon pero o demo non é malo. Ou liberalización ou intervención. Decídanse.