Un economista sen esquerda

La Voz

AROUSA

NACHORTAS

CAMILO FRANCO PERFIL

17 dic 2001 . Actualizado a las 06:00 h.

nha cousa é loitar contra os déficits e outra loitar contra as tensións dun partido mal educado para as cousas dos cambios. Manuel Bouzas Moure é un economista con pasado de man esquerda que aterrou na dificultosa vida política do PP vilagarcián mentres ocupaba o despacho do presidente da Autoridade Portuaria. Aínda que condenados a entenderse, economía e política son campos con estratexias diferentes. Así, Manuel Bouzas Moure lucíu á fronte do Porto de Vilagarcía as maneiras liberais do PP máis recente: competitividade como norma, privatización de servicios, reducción de déficit e esa certa cabezonería para enfrontarse á cabezonería dos números. Curiosamente, esa mesma fórmula do PP para o século XXI, non lle servíu a Bouzas para renovar o partido en Vilagarcía, porque na política, como é ben sabido dende Maquiavelo a liña recta non é sempre a distancia máis curta. Mentres que como presidente portuario o seu reto foi conseguir unha rentabilidade xusta para evitar a perda de categoría do ámbito nacional, no Partido Popular o mesmo asunto que fixera fuxir a Pablo Crespo quedoulle sobre a mesa do despacho político, incapaz de convencer ós vellos barons locais de que o partido precisaba o sacrificio da súa retirada. Bouzas utilizou estratexias económicas para a súa labor política e fracasou. Calculou, cun sentido común procedente da semántica, que no PP non lle faría falta a man esquerda, pero na súa decisión ou non botou contas do seu respaldo ou do poder que conservaban as familias do PP. A súa estrela política comezou a declinar tan pronto como se enfrentou ós arredores económicos do PP pola conversión da explanada TIR en zona lúdica. Foi nese territorio das influencias onde tentou darse a valer e onde comprendeu as dificultades e as dobles verdades da política liberal.