A relación do escritor co cine foi unha frustración continuada segundo os especialistas Eduardo Blanco Amor padeceu o cine. Non sempre lle foi ben e tivo unha relación en ocasións tormentosa co mundo audiovisual. Sen embargo, foi dos poucos escritores galegos que tivo a fortuna de ver unha obra súa nas pantallas cinematográficas, aínda que o resultado último non casase moito coas súas intencións. «La parranda» foi a película que Gonzalo Suárez dirixiu sobre a novela máis famosa de Blanco Amor. Pero esta experiencia, importante sen dúbida, non foi a única que buscou Blanco Amor para achegarse a unha forma de expresión artística que valorou pola súa capacidade divulgativa. Esa relación centrou onte a primeira das mesas redondas da semana Blanco Amor.
11 dic 2001 . Actualizado a las 06:00 h.F.I. VILAGARCÍA A versión para o cine de A esmorga leva o mesmo título que a traducción desta mesmo novela ó castelán. La parranda acabou por ser unha película de Gonzalo Suárez cun reparto encabezado por actores de renome: José Sacristán, Antonio Ferrandis e José Luis Gómez. Sen embargo, o director buscaba nesa novela intensa un certo reflexo dos problemas do proletariado, así que trasladou a paisaxe urbana de Ourense a Asturias e as vellas rúas, os pazos capitalinos acabaron por ser casas da conca mineira. Non eran cambios que convencesen moito a Blanco Amor. Pero no cine, un director é un director. Este episodio é un dos fundamentais da relación de Blanco Amor co cine. O escritor, rebelde para tantas cousas, tamén no foi neste caso, como quedou de manifesto na mesa redonda que onte abriu o ciclo que Vilagarcía adica ó escritor con motivo da entrega do premio que leva o seu nome. Miguel Anxo Fernández, Daniel Domíngue e Xosé Coira, falaron onte desa relación e de como Blanco Amor ofreceu á productora de Gonzalo Suárez un guión alternativo ó que finalmente utilizou o director. A relación co cine do escritor foi dunha frustración constante, un aspecto no que coincidiron os tres participantes na mesa redonda. De feito, só un dos seus proxectos viu a luz dos cines, pero ese mesmo proxecto, a xa mencionada Parranda quedou un pouco lonxe das esperanzas postas nel. En certo sentido, a relación profesional que Blanco Amor mantivo co cine serviu para que a súa obra guionística fose basicamente «alimenticia» e por eso non chegase nunca a ter versión para as pantallas. Na mesa redonda de onte tamén se puxo de manifesto o carácter de «escritor profesional» de Blanco Amor o que, segundo os participantes, tamén obrigou ó escrito a aceptar encargos que estaban moi lonxe da súa capacidade como narrador e do mundo personal que desenvolveu na súa obra narrativa.