JAVIER MONTERO ENTRE A LENDA E A MEMORIA A imaxe da Virxe da Lanzada mistura a lenda profana coa tradición cristiana máis arraigada
03 nov 2001 . Actualizado a las 06:00 h.Dentro da ermita da Lanzada, nunha vitrina, atópase esta fermosa imaxe de vestir. Imaxe que agocha o sentir do pobo e na que se mistura como en ningunha outra parte o mito e a lenda profana coa tradición cristiá máis arraigada. Tódolos derradeiros domingos de agosto os romeiros acuden á Virxe da Lanzada a pedirlle sorte na vida e a cura das súas doenzas. No seu honor, homes, mulleres, vellos, mozos e rapaces, comparten, despois da misa, o xantar nunha festa na que se saca a imaxe en procesión e se lle honra con todo tipo de ofrendas. Logo ven o baño ritual, ó que acuden os romeiros, por se estimar proveitoso non só para curar a infertilidade das mulleres senón tamén para sandar moitas doenzas e purificar o corpo. Pero o mar así como dá a vida tamén a quita, así como se mostra tenro coas doncelas estériles tamén é celoso e agresivo cos que pretenden arrincarlle a súa riqueza. E á Virxe rógaselle a súa intercesión ante deus tan poderoso. Por iso acuden os navegantes e mariñeiros a venerar esta imaxe, para que Nosa Señora os afaste de todo perigo e para que o gran deus se mostre xeneroso na pesca, tal como se lembra no cancioneiro popular: " Indo polo mar abaixo/ o vento rachoume a vela./ Miña Virxe da Lanzada/ Dame o pano para ela" "A vida do mariñeiro/ e unha vida triste e dura,/ pois toda a vida traballa/ enriba da sepultura". O mar é unha extraordinaria forza natural contra a que o home, na súa insignificancia, se sinte un ser indefenso. E esta pequena imaxe representa a advocación da virxe protectora, da nai que protexe os seus fillos da ferocidade do mar, propiciatoria dos ventos favorables, que procura un bó marido para as fillas e que devolve a saúde a vellos e enfermos. Dende o século XIII a ermita da Lanzada fica mirando cara o mar. Durante todo este tempo moitos foron os navegantes e xentes do mar que dispensaron a súa fe e confiaron na bondade da Nosa Señora. E esta imaxe será venerada moitos séculos máis.