TRIBUNA PÚBLICA
01 nov 2001 . Actualizado a las 06:00 h.De existir un campionato mundial de paisaxes naturais, os quilómetros que xuntan Carril con Catoira acadarían un sitio no podio. Estaríanse a codear nos tres primeiros lugares do mundo, polo agasallo que ofrece á vista a fermosura do seu entorno. A ladeira do Pousadoiro que dá a súa cara ó mar permite admirar a maxestuosidade da ría. Aínda que os edificios penetran o aire, variando o esquema, a pouco conseguen manter unha harmonía co natural. E, de noite, que espectáculo. Un enorme manto luceiro rodea as augas alumeadas do negro que deixa o paso do serán, embargando o sentido a quen observa tal marabilla. E isto, xa non é natural. Cada unha das luces é froito das materias transformadas co gallo da meirande calidade de vida. A mente que goberna esa man ten o don de converter o natural ata facelo, se cadra, mellor. Pero tamén permítelle gardar amores, desamores, rencores, envexas, odios e paixóns. E todo isto tan só ten cabida na mente dos seres ós que chamamos racionais, coa capacidade para tales creacións como para a súa propia destrucción. Se miramos o mundo, xa non resultan bastantes as verbas negociadoras que nunca se pronunciarán, seica é mellor cortar polo san e cambiar as cores do mapamundi, poñendo un negro de vacío onde está Afganistán, sin valorar o perigo que supón unha guerra química. A devolución dun pazo embargado E na casa, un xuiz dicta en sentencia devolver un pazo embargado, restando valor a toda unha xeración abortada. En Vilanova bótanse en falla entre cen e douscentos rapaces sobor dos 15 e 30 anos. Que prosperidade darían á vila os fillos daqueles que arestora rondarían os 40 e 50, que morreron víctimas da propia tentación, vidas esgrimidas polos capos dos estimulantes artificiais para a grandeza dun patrimonio que presumen propio, pero non saben a quen pertence. No primeiro dos casos sempre dispensará o da producción armamentística, mantendo postos de traballo. E no segundo descargarán culpando á propia muller, que xa morreu e non ten que perder. En calquera xeito, quen dá a razón, quen dá o permiso para xogar coa miña vida, que é o único que realmente é meu. Velaí están, e, claro, as disculpas hai que utilizalas, se non, non servirían de nada. Miguel A. Lorenzo.