«Xa é hora de abrir un debate sobre os dereitos da cuarta xeración»

La Voz

AROUSA

Xosé Castro Ratón, portavoz do BNG en Vilagarcía

14 jul 2001 . Actualizado a las 07:00 h.

O BNG foi pioneiro na esixencia ante o Goberno central de que os votos dos emigrantes se emitiran con tódalas garantías. Anxo Quintana presentou neste senso unha proposta no Senado que foi aprobada, co fin de reformar as normas que regulan o sistema de votación dos residentes ausentes. -¿Que esixe o BNG con esta iniciativa? -Pedimos que haxa urnas nas embaixadas e coa presencia de interventores, como esixe todo proceso democrático con garantías. Hai unha grande diferencia entre este voto e o voto por correo. No segundo, o solicita o elector, que ten que acreditar a súa condición como tal, mentras que ós emigrantes se lles mandan as papeletas e non hai garantía algunha de que os seus votos sexan correctos, non hai un mecanismo de control, porque loxicamente o correo deses países non ten a obriga de facelo. -Eses votos son moi importantes nestas eleccións. -Por suposto, a cor política que resulte o día electoral non ten por que coincidir coa que se dea a coñecer catro días despois, cando se reconten os votos dos emigrantes. De aí o escaso interese que houbo ata o de agora por regular os votos dos residentes ausentes. E nós pensamos que xa é hora de abrir un debate sobre o voto da cuarta xeración. Se é xusto que persoas que nin naceron nin teñen contacto con Galicia manteñan o dereito de votar aquí. O lóxico sería que votaran no seu país de residencia. -¿Que medidas está a tomar o BNG para evitar o «pucherazo»? -Medidas non se poden tomar outras que as que xa esiximos no Senado, e que está claro que se van levar adiante e vaise depurar o censo. Outra cousa non podemos facer, porque non hai mecanismos que permitan controlar ese voto na súa orixe.