Unha feira popular sacou á rúa os personaxes do pintor na inauguración da súa exposición na Casa da Cultura Os personaxes de Rivas Briones saíron onte dos cadros e tomaron a rúa Rey Daviña. Teatro Anónimo de Vilagarcía e a compañía Clan in valle de Vilanova, fixeron que as imaxes, os olores e os sabores sustituiran as grandes palabras durante a inauguración da exposición antolóxica do pintor na Casa da Cultura de Vilagarcía. Recolle máis dun cento de obras: óleos, xilografías e tallas que percorren case medio século de traballo e unha parte importante da historia de Galicia a través da súa paisanaxe. Vilagarcía enteira se achegou onte a mostrarlle o seu agarimo ó artista.
14 jul 2001 . Actualizado a las 07:00 h.E. M. O. VILAGARCÍA Herdeiro de Laxeiro e contemporáneo de Díaz Pardo e de Baltar na posguerra, Briones «reinventou a arte galega nos anos corenta», segundo Antón Castro, comisario da exposición. Rivas Briones explica Galicia a través de Vilagarcía, igual que o fixo García Márquez, describindo o mundo a través da pequena cidade de Macondo en Cien años de soledad. Unha ampla mostra da súa obra pódese admirar dende onte na sala Rivas Briones da Casa do Concello de Vilagarcía. Na presentación, o artista, modesto e emocionado, limitouse a dicir un «gracias» e deixou que as súas obras falasen por el. Pero as personaxes que as súas mans teñen creado ó longo dos anos, saíron das tallas e máis dos cadros e colleron a rúa Rey Daviña por asalto. Os actores de Teatro Anónimo e da compañía Clan in valle convertíronse en leiteiras, peixeiras, rosquilleiras e cegos de comezos de século. A xente da vila uniuse á feira de tarde, na que os chourizos asados, a carne ó caldeiro e o queixo de tetilla puxeron nos estómagos dos presentes o aroma e as cores dos cadros de Briones. O viño do país tamén correu polas gorxas dos presentes. Os encargados de poñerlle alimento á festa foron os voluntarios de Protección Civil da vila. Perfectamente caracterizados, como se fosen actores, pero sen necesidade de guión, os voluntarios asaron á grella os chourizos, cortaron o pan de bola e repartiron centos de anacos de carne. A música saiu dos foles das gaitas que o grupo Froallo de Vilagarcía sacou á rúa. Non faltou o cantar de cego, que contestaba ás esmolas dos viandantes coa súa voz nasal e estrofas pícaras, acompañado da súa lazarilla, unha pequena de tres anos que se estreaba como actriz. Antón Rivas Briones, o artista, o que lle deu significado á festa, gozou cos seus paisanos no medio da festa máis que enriba do escenario.